Nova: A Fundación Granell amosa a modernidade e a contemporaneidade na arte dominicana
28/01/2016
A Fundación Granell amosa a modernidade e a contemporaneidade na arte dominicana
A entidade ofrece unha exposición con 37 obras dos artistas máis emblemáticos e influentes da plástica da República Dominicana, entre as que destaca unha peza de Granell
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2016.- A Fundación Eugenio Granell exhibe ata o 27 de marzo, e en colaboración coa Embaixada da República Dominicana, a exposición Modernidade e contemporaneidade na arte dominicana: Obras da Colección da Dirección Xeral de Aduanas da República Dominicana, que foi inaugurada esta tarde coa participación do secretario xeral de cultura.
A mostra, comisariada por María del Carmen Ossaye, ten como obxectivo mostrar a modernidade e a contemporaneidade da arte dominicana xunto coa paulatina superación desta a través da calidade que a levou a posicionarse no espazo artístico global. Unha das pezas máis singulares do proxecto é a obra Figuras, un óleo e tinta sobre lenzo realizado en 1944 por Eugenio Granell.
A exposición está composta, ademais, por unha selección de 37 obras dos artistas máis emblemáticos e influentes da plástica da República Dominicana, entre os que podemos atopar a Josep Gausachs, José Vela Zanetti, George Hausdorf Celeste Woss y Gil, Jaime Colson, Paul Giudicelli, Darío Suro, Yoryi Morel, entre outros moitos. Trátase, sen dúbida, dunha boa oportunidade para coñecer o desenvolvemento artístico do país e de explorar os lazos históricos que nos unen con el.