Nova: Debate á totalidade no Parlamento do proxecto de Lei do Patrimonio Cultural de Galicia

09/02/2016

Debate á totalidade no Parlamento do proxecto de Lei do Patrimonio Cultural de Galicia

O conselleiro de Cultura afirmou que a futura norma evitará “indeterminacións e demoras” que poidan debilitar na práctica a efectividade das actuacións de conservación e salvagarda

Román Rodríguez destacou no Parlamento a obriga de buscar “unha nova xestión máis simple e achegada aos cidadáns” no debate á totalidade do proxecto de Lei do Patrimonio

O impulso da nova norma demostra o compromiso do Goberno da Xunta co patrimonio cultural propio

Santiago, 9 de febreiro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acudiu ao Parlamento para participar no debate á totalidade do proxecto de Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. O titular de Cultura afirmou que, desde a Administración autonómica,“estamos obrigados a buscar unha nova xestión, máis simple e achegada aos cidadáns”, marcando como liña mestra non reducir os niveis de protección dos bens e reorganizar a súa xestión administrativa.

Rodríguez destacou o carácter participativo e aberto na redacción deste texto legal, “falado cos actores implicados”; expresou a máxima vontade de diálogo para acadar unha norma co maior consenso posible e rematou a intervención amosando a súa certeza en que a nova lei evitará indeterminacións e demoras que poidan debilitar na práctica a efectividade das actuacións de conservación e salvagarda do Patrimonio Cultural de Galicia.

Con esta regulamentación, desde a Xunta búscase corrixir as dificultades obxectivas da xestión administrativa, adecuando as dilixencias ás necesidades sociais actuais e incorporando os cambios introducidos no marco xurídico xeral, a lexislación comparada e as convencións internacionais que definen novos tipos de patrimonio. Ademais, a lei desenvolve instrumentos de planificación, tanto de ordenación dos bens patrimoniais como de carácter territorial, e define especificamente novas modalidades de patrimonio.

Aspectos salientables
Entre as principais novidades da lei o titular de Cultura sinalou a incorporación ao marco legal de novos patrimonios recoñecidos por organismos internacionais, como o de carácter arqueolóxico subacuático; ou a procura dunha maior implicación e coordinación coas entidades locais. Isto último toma corpo legal a través da habilitación para que os concellos poidan autorizar as intervencións en determinados bens catalogados do patrimonio arquitectónico e etnolóxico, nunha aposta pola seguridade xurídica e unha maior axilidade administrativa.

O titular de Cultura explicou que no actual proxecto legal non se modifican os niveis de protección definidos na norma do 1995, pero “como consecuencia da experiencia adquirida desde o punto de vista administrativo” na aplicación desta mellórase a relación de casos previstos no réxime sancionador, pasándose así de 23 infraccións administrativas tipificadas na norma actual a 54 no proxecto de lei sometido a trámite parlamentario.

Outros aspectos destacados son o feito de que se acentúa a máxima protección do noso patrimonio máis sobranceiro e que se propón unha mellora da xestión dos bens sustentada, por unha banda, na ordenación dos instrumentos que os regulan e, por outra, na reorganización da súa xestión administrativa.

A habilitación legal
“A reorganización administrativa que se propón –explicou Rodríguez−, fundaméntase nun incremento da participación e implicación dos concellos”, axilizando a tramitación dun xeito garantista, sen merma de cautelas nin risco para o patrimonio cultural de Galicia. Para isto introdúcese, como unha das principais novidades da lei, a habilitación legal, que, como se ten dito, procurará unha maior axilidade administrativa e implicación de todas as administracións para unha maior proximidade aos cidadáns.

A este respecto, o conselleiro subliñou que “non se trata dun cheque en branco”, e que esta habilitación terá unha serie de condicións que haberá que cumprir, como a sinatura dun convenio coa Xunta, acreditar a existencia de cadros técnicos precisos e contar co planeamento urbanístico aprobado. Así mesmo, a habilitación –que sempre será de carácter voluntario−, estará circunscrita ás actuacións nuns determinados tipos de bens, nos que quedan excluídos os de interese cultural, o patrimonio eclesiástico, o artístico e o arqueolóxico.

Os Camiños de Santiago na Lei
As novidades máis destacadas da lei en relación ás rutas xacobeas son a inclusión do Camiño de Inverno como unha das rutas principais do Camiño de Santiago; e que se poda incoar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) dunha ruta se os concellos polos que esta discorre o piden por unanimidade.

Cómpre lembrar que a inclusión do Camiño de Inverno como unha das rutas principais dentro da nova Lei convértese nun paso esencial para o recoñecemento oficial da mesma. A devandita inclusión é froito dos estudos que acreditan a historicidade desta ruta realizados os últimos anos polos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Protección para o Camiño
Ademais, explicou o conselleiro, para avanzar pola senda dunha protección efectiva do Camiño de Santiago elaborarase un Plan Territorial Integrado de Protección e Valorización no que se establezan as liñas xerais para o mantemento e a conservación dos valores culturais dos Camiños e para garantir unha ordenación do territorio harmoniosa e integrada con eles. O Plan será redactado pola Consellería e aprobado polo Consello da Xunta nos dous anos seguintes á aprobación da Lei.

O ámbito deste Plan estenderase á totalidade dos territorios históricos delimitados e o seu obxectivo principal será a conservación xeral do carácter dos territorios históricos, mantendo as súas características tradicionais. En relación cos tramos do Camiño e os núcleos de poboación relacionados, procurarase manter e integrar o carácter, a tipoloxía, os volumes, o cromatismo, os materiais e as aliñacións existentes de carácter tradicional a ambos os dous lados da traza.

Co Plan Territorial Integrado establecerase de forma unitaria e integrada os principios, normas e criterios que permitan unha maior axilidade nos trámites derivados das preceptivas autorizacións municipais e sectoriais, mesmo no eido da protección patrimonial.

Ferramentas de conservación innovadoras
Para rematar, outra das novidades destacadas da norma que saíu a colación no debate foi a relativa ás novas ferramentas de protección. Neste sentido, a nova lei adopta os avances acordados na reunión de Davos sobre Patrimonio Mundial e incorpora avances para a protección como o establecemento de zonas de amortecemento dos bens. Esta zona ten por finalidade reforzar a protección dos elementos do patrimonio cultural, así como a súa visibilidade e visibilización.

O uso destas zonas son un anovador medio de preservación dos valores dos bens, posto que unha parte importante das ameazas que afectan aos bens integrantes do patrimonio cultural téñense localizado nos límites destes ou nos seus arredores, onde os mecanismos legais adoitan ser máis limitados ou mesmo inexistentes.
 

Comparte