Nova: Nova edición en xuño do Galicia Escena PRO

25/02/2016

Nova edición en xuño do Galicia Escena PRO

Agadic prepara o cuarto encontro deste mercado que se celebra en Santiago do 6 ao 9 dese mes

En marzo abrirase o prazo de inscrición de propostas artísticas a través do novo web www.galiciaescenapro.gal

Santiago, 25 de febreiro de 2016.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) está a traballar na cuarta edición do mercado Galicia Escena PRO, que se adianta do outono á primavera para pasar a celebrarse do 6 ao 9 de xuño en Santiago de Compostela. Entre as novidades da nova entrega do evento destacan, así mesmo, a incorporación á carteleira artística de espectáculos de fóra de Galicia e a estrea do novo web www.galiciaescenapro.gal, a través do que se habilitará o rexistro en liña tanto para as propostas escénicas como para os axentes culturais interesados en asistir.

Este cambio de datas é froito das reunións mantidas con Escena Galega, principal asociación das empresas do sector, e cunha representación dos programadores galegos cara a optimizar a planificación do mercado no marco do calendario anual dos eventos escénicos máis salientables a nivel estatal.

O adianto na celebración de Galicia Escena PRO trasládase consecuentemente aos seus períodos de inscrición. Así, en marzo abrirase o prazo para as compañías cara á selección da carteleira de exhibición e en maio, para o rexistro de profesionais: responsables da programación cultural de espazos públicos e privados, de mostras e festivais, distribuidores, produtores e xornalistas, entre outros axentes culturais directamente relacionados co sector das artes escénicas.

Proceso de selección
Unha vez rematado o prazo de inscrición de propostas, unha comisión artística nomeada pola Agadic será a encargada de seleccionar os espectáculos que lle darán forma á carteleira de Galicia Escena PRO, que este ano incluirá por vez primeira compañías chegadas doutros puntos do Estado español. A partir desta convocatoria, elixiranse tamén aqueles títulos que se exhibirán en formato 'showcase', modalidade de participación que, xunto co 'pitching' de novos proxectos, amplía as oportunidades de difusión e promoción dos traballos das compañías galegas diante dos programadores asistentes.

Tanto as sesións 'showcase' como as presentacións 'pitching' serán de acceso exclusivo para os acreditados, mentres que a carteleira de espectáculos volverase a abrir ao público non profesional en función da capacidade dispoñible en cada unha das catro sedes do evento: Auditorio Abanca, Fundación SGAE, Salón Teatro e Teatro Principal.

A edición de 2015 congregou máis de 120 profesionais arredor dun programa con 24 espectáculos en cartel e diferentes actividades paralelas, entre as que tamén houbo lugar para a formación –cun seminario sobre estratexias dixitais– e para o intercambio profesional entre todos os asistentes.

Comparte