Nova: Pesar polo pasamento do profesor David Mackenzie, premio da Cultura Galega 2014

27/02/2016

Pesar polo pasamento do profesor David Mackenzie, premio da Cultura Galega 2014

Santiago, 27 de febreiro de 2016.- A Xunta de Galicia mostra o seu profundo pesar polo pasamento de David Mackenzie, premio da Cultura Galega 2014 na modalidade de Lingua. O profesor Mackenzie será para sempre unha figura senlleira do país polo seu labor como axente difusor da lingua, da literatura e da cultura de Galicia no mundo anglófono desde os anos 70. Os froitos do seu esforzado labor perténcennos agora aos galegos e galegas de hoxe, e herdeiros serán de tanto ben os galegos e galegas do futuro. O deceso aconteceu onte na cidade de Santiago de Compostela, onde residía dende había anos.

Unha vida dedicada a lingua e cultura galegas
Nado en Sutton-in-Ashfield, Nottinghamshire, no ano 1943, o profesor Mackenzie tivo unha destacada carreira investigadora e docente nas universidades do Ulster, Birmingham e Cork. Destacaríase, asemade, polo seu sincero compromiso coas causas da lingua e a cultura galegas, que asumira, sendo aínda moi novo, na súa etapa de formación, cando era alumno nas aulas da Universidade de Oxford. Desde aquela e ata onte, este home bo e xeneroso dedicaría a súa caudalosa experiencia e o seu enorme saber a levar adiante empresas e iniciativas que tiveron por obxecto enriquecer e difundir, especialmente no ámbito anglosaxón, o legado cultural e lingüístico de Galicia.

Constituíron boa mostra deste seu esforzado labor os centros de estudos galegos que fundou e dirixiu nas universidades de Birmingham e Cork, e mais os seus múltiples e rigorosos traballos científicos sobre a nosa lingua e literatura propias. Por este motivo e a modo de agradecemento, a Xunta de Galicia concedeulle, en 2014, o Premio da Cultura Galega na modalidade de Lingua. David Mackenzie era membro correspondente da Real Academia Galega dende 2001 e fora galardoado, en 1994, co premio Pedrón de Honra.

En 1994 converteuse no primeiro catedrático de Estudos Galegos no mundo anglófono, pola Universidade de Birmingham (Reino Unido), onde creou o Seminario de Estudos Galegos. En 1997 fundou tamén o Centro Irlandés de Estudos Galegos no University College Cork. Igualmente, o mundo da tradución do galego ao inglés viuse grandemente favorecido polo seu traballo de mecenado, impulso e tradución individual de autores galegos.

Comparte