Nova: Inma López Silva aborda na súa última obra a historia institucional do teatro galego

02/03/2016

Inma López Silva aborda na súa última obra a historia institucional do teatro galego

Cultura e a USC coeditan Resistir no escenario no que a escritora, crítica teatral e profesora afonda no proceso de construción do sistema teatral galego

Santiago, 2 de marzo de 2016.- A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coeditan a obra ‘Resistir no escenario. Cara a unha historia institucional do teatro galego’, da escritora, crítica teatral e profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Inmaculada López Silva. A monografía, en palabras do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, constitúe “un libro imprescindible” para coñecer os elementos fundacionais do sistema teatral galego e do seu proceso de institucionalización, a partir da década dos oitenta, coa creación do Centro Dramático Galego.

O secretario xeral, que presentou o libro hoxe xunto coa autora, Inma López Silva, e o director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Juan L. Blanco, no Colexio de Fonseca da Universidade compostelá, tamén se referiu ao antecedente das Irmandades da Fala, “coas que a preocupación polo teatro recibe un impulso significativo na historia de Galicia”. Así mesmo, destacou “o rigor académico da obra, así como o seu enfoque divulgador, o que contribuirá, segundo dixo, a achegar o traballo máis alá do ámbito universitario e académico”.

Un relato do teatro galego 
O libro ten a súa orixe na tese de doutoramento de Inma López Silva, dirixida pola profesora Dolores Vilavedra. Segundo a súa autora, a obra “tenta elaborar o relato do teatro galego actual desde unha perspectiva histórica, pero tamén sociolóxica, cultura, política e económica, tendo en conta, por suposto, que no obxecto de análise hai tanto procesos en curso como procesos xa rematados que, efectivamente, fornecerán as constante do que dei en chamar ‘sistema teatral’.

‘Resistir no escenario’ tamén lle presta especial atención a outros aspectos centrais das artes escénicas como son as compañías profesionais, o teatro afeccionado, a investigación e a crítica teatral, a edición e os públicos e as redes de difusión escénica.

No marco da colaboración editorial entre a Xunta de Galicia e a USC tamén viron a luz recentemente outras publicacións como a obra ‘Víctor Said Armesto: Una vida de romance’, en coedición co Consorcio de Santiago, unha minuciosa monografía sobre o intelectual galego da autoría de Carlos Villanueva. 

Comparte