Nova: O disco Viento de plata recupera o legado musical de Jesús Bal y Gay e Rosa García Ascot

21/03/2016

O disco Viento de plata recupera o legado musical de Jesús Bal y Gay e Rosa García Ascot

A pianista Paula Ríos e a soprano Eva Juárez interpretan este traballo, que recolle a grabación, por vez primeira, da obra para piano e canto e piano dos dous compositores

  • Presentación de Viento de plata
  • Presentación de Viento de plata
  • Presentación de Viento de plata

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2016.- A recuperación do patrimonio musical de Galicia recibe un novo impulso coa publicación do disco ‘Viento de plata. Jesús Bal y Gay & Rosa García Ascot’, un traballo editado coa colaboración da Xunta de Galicia que recolle a gravación, por vez primeira, da obra para piano e para canto e piano desta parella na vida e na arte que representa o esforzo dos artistas pertences á Xeración do 27 por rexenerar a creación musical da época.

Paula Ríos, ao piano, e Eva Juárez, soprano, interpretan o repertorio “da figura dun dos compositores máis importantes deste país no século pasado, que é o lucense Jesús Bal y Gay; neste caso, ademais, en unión coa que foi a súa compañeira vital e creativa, Rosa García Ascot”. Así o asegurou hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa de presentación do disco, que tivo lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e que contou coa participación da pianista Paula Ríos, formada no Conservatorio Superior de Música de Vigo e, actualmente, profesora no Conservatorio de Madrid.

O secretario xeral destacou a importancia de asegurar a difusión pública de traballos de especial interese para a recuperación do patrimonio musical galego e incidiu “na calidade dun disco que nos achega á obra desta singular parella de artistas pertencentes á máis brillante xeración de creadores e intelectuais do século XX en España”.

Interese histórico e artístico
A Bal y Gay (Lugo 1905-Madrid 1993) referiuse Anxo Lorenzo como un “compositor, crítico e xestor, pioneiro na etnomusicoloxía galega e que sempre mantivo un forte compromiso con Galicia”. Ascot (Madrid 1902-2002), pola súa banda, foi unha recoñecida pianista e compositora, e a única alumna de Manuel de Falla. “As súas obras, de enorme calidade, reflicten a evolución da música española e son parte fundamental da nosa historia”, afirmou.

Paula Ríos explicou durante a presentación o proceso de recuperación das obras, algunhas delas construídas sobre versos galegos, que foron gravadas no Auditorio de Galicia en 2015. O disco, editado por Columna Música e que conta tamén coa colaboración da Deputación de Lugo, inclúe un total de 13 pezas, das cales 10 nunca foran gravadas ata o momento. A pianista Paula Ríos interpretou durante a rolda de prensa extractos de dúas delas: ‘Petite Suite’, de Rosa García Ascot, e ‘Hojas de álbum’, de Jesús Bal y Gay.

Finalmente, o secretario xeral de Cultura adiantou que “no vindeiro outono teremos a oportunidade de desfrutar desta excelente intérprete –en referencia a Paula Ríos– cun concerto de piano ao redor da obra de Bal y Gay e de Rosa Acot dentro das programacións musicais da Consellería de Cultura e Educación”.

Recuperación e posta en valor do patrimonio musical
No marco das iniciativas impulsadas a prol da recuperación e da posta en valor do patrimonio musical galego, a Secretaría Xeral de Cultura colaborou en 2015 co libro-disco ‘Xoán Tilve, Gaiteiro de Campañó’, un estudo pormenorizado sobre o legado do Gaiteiro de Campañó (1872-1950) a partir das gravacións realizadas por Xosé Filgueira Valverde en 1947, editado pola Cen¬tral Folque.

O departamento tamén vén colaborando con actividades como o Simposio de musicoloxía Reveriano Soutullo, para difundir a obra do compositor de Ponteareas, e coa iniciativa ‘No bico un cantar, promovida polo Consello da Cultura Galega e que congrega nenos e nenas de toda Galicia, procedentes de diversos centros de educación musical, co obxectivo de trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega e de difundir o patrimonio musical e literario.

En 2012, a Secretaría Xeral de Cultura xa colaborara co disco ‘Jesús Bal y Gay. Obra sinfónica completa’, editado polo selo Verso e coproducido pola Xunta de Galicia e a Orquestra Sinfónica de Córdoba, baixo a dirección do prestixioso director de orquestra e Premio Nacional de Música José Luis Temes.

Comparte