Nova: Galicia e Guadalaxara únense para celebrar o centenario de Cela
11/04/2016
Galicia e Guadalaxara únense para celebrar o centenario de Cela
O presidente da Deputación de Guadalaxara e o conselleiro de Cultura asinaron un protocolo de colaboración para impulsar a celebración conxunta do centenario do nacemento do Premio Nobel galego
Santiago, 11 de abril de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e presidente do Padroado da Fundación Pública Galega “Camilo José Cela”, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación Provincial de Guadalaxara, José Manuel Latre Rebled, subscribiron no día de hoxe un protocolo de colaboración con motivo da celebración do centenario do nacemento do Premio Nobel de Literatura galego e Fillo adoptivo da provincia de Guadalaxara, Camilo José Cela.
Tanto a Xunta de Galicia como a Deputación arriacense están a organizar senllos programas de actos conmemorativos e, mediante este protocolo, acordan colaborar no intercambio de materiais documentais e expositivos e na mutua difusión dos devanditos actos.
En concreto, a Deputación de Guadalaxara ponse a disposición da Fundación para colaborar nos actos conmemorativos que, a nivel nacional e internacional, esta organice. Especialmente, no que se refire á cesión de documentación e outros materiais propiedade da Deputación e relacionados co escritor. Trátase de documentación de gran valor para o coñecemento da obra celiana custodiada no Arquivo Histórico, na Biblioteca de Investigadores de la Provincia, no Centro de la Fotografía y la Imagen Histórica de Guadalajara (CEFIHGU) e no Museo del Viaje a la Alcarria, sito na torre da homenaxe do castelo de Torija desde o ano 1995.
Pola súa banda, a Fundación Camilo José Cela asume o compromiso de colaborar activamente coa Deputación na súa programación de actos conmemorativos, asesorando na súa planificación e elaboración, así como cedendo a documentación e os materiais precisos para os diferentes proxectos expositivos.
Cela e Guadalaxara
Existe unha estreita relación do autor nado en Iria Flavia coa provincia de Guadalaxara, na que residiu durante un tempo, na que recibiu, en 1989, a noticia da concesión do Nobel e sobre a que tratou en varias das súas obras. De entre todas elas cómpre destacar o caderno de bitácora que é ‘Viaje a la Alcarria’, considerado como un dos relatos de viaxes máis importantes da literatura mundial.
Este vencello de Camilo José Cela con Guadalaxara propiciou que a súa deputación acordase no ano 1990 nomealo “Fillo adoptivo”, como veciño ilustre que foi e polo contido da obra que lega á posteridade, que inclúe varios dos mellores relatos arredor da paisaxe e os tipos humanos da provincia guadalaxareña.