Nova: Tarde de teatro e circo para toda a familia o vindeiro sábado na capital de Galicia

17/07/2014

Tarde de teatro e circo para toda a familia o vindeiro sábado na capital de Galicia

A compañía Pista Catro fará gozar os máis novos co seu espectáculo de novo circo na praza das Praterías, mentres o Salón Teatro acollerá a función ‘Aurora’, de Elefante Elegante 

 

  • Cartel de Cair
  • Elefante Elegante

Santiago, 17 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa para o vindeiro sábado, 19 de xullo, unha Tarde de Teatro e Circo para toda a familia en Santiago de Compostela, que inclúe dúas sesións de lecer para facer gozar os máis novos a través das artes escénicas.

A xornada dará comezo ás 18 horas na compostelá praza das Praterías, onde os nenos e nenas poderán desfrutar do espectáculo de novo circo ‘Caír’, da compañía Pista Catro. Accións sinxelas e cotiás derivan neste espectáculo en coreografías de acrobacia excéntrica con golpes e tombos caóticos que contrastan con coreografías visuais e potentes de danza e malabar. A emoción e o risco súmanse ao humor neste espectáculo sorprendente, no que tampouco faltarán o absurdo, o sinxelo e o universal.

Un espectáculo de teatro, música e videocreación
Tras a sesión de circo na rúa, esta tarde de lecer proseguirá co novo espectáculo da compañía Elefante Elegante. A partir das 19:30 horas, o Salón Teatro será o escenario da función ‘Aurora’, un espectáculo musical para todos os públicos a partir dos 3 anos baseado na historia do encontro dun aviador coa raíña das curuxas que, coma todas as curuxas, gusta máis da noite que do día. O sol queima a súa pel e cega os seus ollos, polo que o aviador vai tentar todo para axudar a curuxa.

O teatro de actor e a videocreación mestúranse nesta proposta para afondar na experimentación ao redor das linguaxes visuais. Con este obxectivo, a música conectará a acción no escenario coa acción proxectada en vídeo, creando un universo máxico, cómico e misterioso.

Recollida de entradas
As entradas para asistir ao espectáculo ‘Aurora’, que é gratuíto, pódense retirar antes do 19 de xullo no Teatro Principal, de martes a sábado de 18 a 21 horas. O propio día do evento estarán dispoñibles na billeteira do Salón Teatro desde as 17:30 horas ata o comezo da funcións, ás 19:30 horas.

A Consellería de Cultura e Educación vén promovendo esta programación escénica en colaboración coas Festas do Apóstolo. En 2013, a tarde de lecer ofreceu a sesión de monicreques ‘Os narigudos’, de Tanxarina, e mais o espectáculo familiar ‘Fíos’, da compañía Baobab.
 

Comparte