Nova: Investimento de 1,5 millóns na catedral de Ourense, na que se realizarán novas actuacións para recuperar a vista orixinal da súa fachada sur
18/07/2014
Investimento de 1,5 millóns na catedral de Ourense, na que se realizarán novas actuacións para recuperar a vista orixinal da súa fachada sur
As melloras previstas no patio que hai entre a nave e o edificio de Coengos ennobrecerán o espazo de entrada ao Arquivo Catedralicio. Ademais, adxudicouse a restauración da pintura do muro norte do nártex
Ourense, 18 de xullo de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria visitou esta mañá a Catedral de San Martiño de Ourense, onde destacou os investimentos realizados polo seu departamento neste templo que, coas obras previstas para os vindeiros meses, superará os 1,5 millóns de euros. Neste sentido explicou que a Consellería está xa a traballar na elaboración dun prego de condicións técnicas para a recuperación da portada medieval e limpeza da fachada norte, así como nas melloras para o acondicionamento do patio que se encontra entre a nave da catedral e o edificio de Coengos, así como das criptas que están por debaixo del. “Esta última actuación –dixo- permitirá recuperar a vista da fachada sur da Catedral, nestes momentos parcialmente cuberta, co que se ennobrecerá a entrada ao Arquivo Catedralicio e ao edificio de Coengos. Estes traballos servirán, así mesmo, para recuperar un espazo que podería destinarse á ampliación do museo do templo, coa posibilidade de facer nel unha exposición de pezas pétreas ao aire libre”.
Xesús Vázquez Abad indicou ademais que se acaban de adxudicar a restauración da pintura do muro norte do nártex. “Estas tres novas actuacións que veño de resumirlles – engadiu- supoñen un investimento de máis de 460.000 euros que se suma aos preto de 1,1 millóns de euros que destinamos ás obras xa rematadas ou que están en execución nesta Catedral de San Martiño, co que podemos dicir que en tan só 4 anos o esforzo económico dedicado á súa conservación supera os 1,5 millóns de euros”. “Deste xeito –engadiu- queda confirmado o noso compromiso coa conservación e recuperación de todo o esplendor deste templo, peza de referencia no patrimonio cultural ourensán”.
No seu percorrido pola catedral o conselleiro estivo acompañado polo bispo, Leonardo Lemos; o delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez; e pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua.
Capela de San Xoán
Durante a súa visita Vázquez Abad aproveitou para comprobar o avanzado estado das obras de recuperación da Capela de San Xoán, grazas ás que en breve se poderá volver abrir ao público este espazo, tras as actuacións realizadas sobre as vidreiras, o retablo, os paramentos exteriores e interiores, así como no patín norte. Así mesmo interesouse polo inicio da segunda fase dos traballos de restauración das cubertas da catedral, que arrincaron a finais do mes de xuño e que teñen un prazo de execución de 6 meses.
Segundo explicou o conselleiro, está previsto que comece en breve a restauración da pintura de San Cristovo no muro norte do nártex da catedral, uns traballos que teñen o obxectivo de rematar coas patoloxías desta representación – sucidade, colonizacións biolóxicas...- que permitan a recuperación deste ben cultural. No que atinxe á portada e fachada norte, está previstas a limpeza da superficie eliminando os elementos que poñen en risco a súa conservación, así como a reintegración das pezas que fora necesaria. Por outra banda, os traballos no patio entre a nave e o edificio de Coengos, consistirán na recuperación e acondicionamento deste espazo, así como na eliminación de humidades e na restauración das canterías e cubertas da zona.
Segunda fase de traballos nas cubertas
Na actualidade estase a iniciar ademais a segunda fase das obras de restauración das cubertas da Catedral de San Martiño, en concreto as que se atopan na zona da cabeceira da catedral, sobre as ábsidas da xirola e muros e estruturas contiguas, incluíndo a capela do Santo Cristo. O fin destas obras é mellorar a impermeabilización dos elementos de cobertura, limpeza e rexuntado de muros e petos lindantes, actuacións que se complementarían coa reparación de instalacións, carpinterías e outras pequenas reparacións nas cubertas na área da capela do Santo Cristo. Neste proxecto incluíuse tamén a reparación puntual das terrazas da torre sur, co obxecto de corrixir a entrada de auga que desde esta cuberta está a afectar ao paramento sur do espazo do nártex, sobre o que se atopa unha pintura mural recentemente rehabilitada.
As melloras anunciadas hoxe e as que están en execución veñen a dar continuidade ás xa realizadas pola Consellería desde 2011, que permitiron realizar arranxos puntuais nos canalóns, traballos de impermeabilización na terraza da sancristía e reparacións nos enlousados e tellas das cubertas, principalmente da torre norte e das naves do cruceiro.
Ademais, os investimentos destináronse á restauración do órgano catedralicio e das pinturas murais e o retablo da parte sur do nártex, que se completaron coa restauración das pinturas e o conxunto completo do Pórtico do Paraíso, incluíndo os elementos arquitectónicos e escultóricos pétreos e lígneos, como a Virxe Pétrea do retablo de Nosa Señora de Belén.