Nova: O web de Cultura estreará dominio en galego o Día de Galicia

21/07/2014

O web de Cultura estreará dominio en galego o Día de Galicia

Turismo, a lingua e a tecnoloxía, xunto con outras direccións institucionais, completan a lista que a Xunta achega á fase pioneiros do '.gal'

Santiago, 20 de xullo de 2014.- A Xunta activará o Día de Galicia o portal 25dexullo.gal, un novo web coa que a Administración autonómica se suma ás institucións pioneiras que empregarán por primeira vez o dominio galego. En total serán nove as direccións que o Goberno galego achega a Fase Pioneiros de activación do “.gal”. A Xunta priorizou tres áreas claves para Galicia para estrear o dominio en galego. Así cultura.gal, lingua.gal, turismo.gal e axendadixital.gal serán os primeiros dominios xenéricos con apelido galego na rede. Estas direccións dirixirán aos internautas ao noso web cultura.xunta.es, e aos www.xunta.es/a-lingua-galega, turgalicia.es e amtega.xunta.es. No ámbito institucional, xunto co portal 25dexullo.gal, que recollerá a historia das Medallas Galicia, activaranse galicia.gal, goberno.gal, que conducirán ás actuais páxinas galicia.es e xunta.es, atriga.gal e un novo espazo, presidente.gal.

Logro histórico
A consecución do dominio “.gal” o é un fito histórico, froito do apoio de toda a sociedade galega, a unha iniciativa impulsada pola Asociación PuntoGal hai oito anos. Ao obxectivo de acadar un dominio en galego se adheriron máis máis de 14.000 cidadáns, 114 institucións das máis diversas disciplinas, xunto con máis de 20 centros de emigrantes doutras comunidades autónomas e doutros países como Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, Arxentina, Estados Unidos, Uruguai ou Brasil

A Xunta de Galicia apoiou esta candidatura institucional e financeiramente desde o convencemento de que este investimento redundará en beneficio da Comunidade a curto prazo e contribuirá á proxección de Galicia a través do medio máis global e inmediato que existe: Internet.

Fases da posta en marcha de .gal
A Asociación puntoGal estableceu tres fases para solicitude do dominio. O 25 de xullo 90 nomes pioneiros terán selo galego na rede. Será a primeira das fases, o programa Pioneiros, que porá na rede un grupo reducido e significativo de dominios, en base a criterios de visibilidade e notoriedade.

Entre setembro e novembro a segunda fase, Abrente , permitirá que aquelas entidades tanto públicas como privadas poidan exercer o seu dereito preferente de solicitar un dominio. Simultaneamente ao Abrente desenvolverase o proceso de Carreira, no que aqueles interesados en dominios sen prioridade de especial interese poderán ter a súa oportunidade de solicitalo. A comezos de decembro abrirase o rexistro libre de dominios por parte do público xeral. 

Comparte