Nova: Nova Galicia Edicións recupera as Conversas con Manuel María, de Xosé Manuel del Caño

08/06/2016

Nova Galicia Edicións recupera as Conversas con Manuel María, de Xosé Manuel del Caño

Trátase dun testemuño directo da traxectoria vital e profesional do autor, homenaxeado coas Letras Galegas 2016

  • O secretario xeral de Cultura referiuse ao libro como “un testemuño directo da traxectoria vital e profesional do autor, e tamén do seu tempo” O secretario xeral de Cultura referiuse ao libro como “un testemuño directo da traxectoria vital e profesional do autor, e tamén do seu tempo”

Vigo, 8 de xuño de 2016.- A Casa do Libro de Vigo acolleu a presentación da obra ‘Conversas con Manuel María’, “un libro que nos achega en primeira persoa a voz do poeta da Terra Chá, o paso pola súa infancia e a chegada á madurez, as reflexións que o propio autor fai sobre a súa obra e sobre a súa época, desde o punto de vista social, cultural e tamén político”.

Así o asegurou durante o acto de presentación o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen se referiu ao traballo como “unha valiosa fonte de información para coñecer de preto a figura de Manuel María e o seu contexto”. Nese sentido, afirmou que “a obra constitúe un testemuño directo da súa traxectoria vital e profesional, e tamén do seu tempo, nacido ao fío das conversas con Xosé Manuel Caño en Mondoñedo”.

Publicada por Nova Galicia Edicións –editorial representada no acto polo seu presidente, Carlos del Pugar– co apoio da Consellería de Cultura e Educación, esta edición revisa e actualiza a que vira a luz en 1990 na colección Crónica de Edicións Xerais, cun prólogo de Darío Xohán Cabana e un apéndice literario de Xosé Manuel del Caño.

A voz de Manuel María tamén se incorpora a esta nova edición a través dun CD no que o autor fala en cinco cortes das viaxes, de Uxío Novoneya, de Saleta, de Bernardino Graña e da Nova Canción Galega. A música completa o disco coas pezas “Cantiga de cego de Manuel María”, de Xosé Lois Foxo interpretada pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense; “O meu idioma”, de María Manuela, “O cuco”, de Suso Vaamonde, “O mar enrola na area”, de María do Ceo, e “O Camaleón” de Vicente Araguas.

Comparte