Nova: Música, obradoiros, astronomía e cinema ao aire libre para gozar do verán no Gaiás

15/06/2016

Música, obradoiros, astronomía e cinema ao aire libre para gozar do verán no Gaiás

Atardecer no Gaiás volve do 7 de xullo ao 27 de agosto á praza central con actuacións todos os xoves, venres e sábados a partir das 21h de bandas como McEnroe, Novedades Carminha, Mucho, Marc Jonson ou The Soul Jacket

Verán no Gaiás incorpora os obradoiros creativos para nenos Deseños minúsculos, valores maiúsculos e celebra unha nova edición de Cidade Imaxinaria, Visitas Astronómicas, Camiño ao Gaiás e Nocturnas

O 16 de xullo acollerase unha nova edición do TedxGalicia e xa a finais de setembro o Spin16, o maior evento de emprendemento universitario

Santiago, 15 de xuño de 2016.- A Cidade da Cultura de Galicia pon en marcha a partir do 1 de xullo un novo ‘Verán no Gaiás’, programación para os meses estivais nos que o complexo deseñado por Peter Eisenman ofrecerá un plan diario. A programación de verán estenderase ata finais de setembro, cun completo calendario de actividades, pensado para todos os públicos e gustos, ao que volven clásicos como ‘Atardecer no Gaiás’, as ‘Visitas Astronómicas’, ‘Cidade Imaxinaria’ ou ‘Camiño ao Gaiás’. Xunto a eles, novas actividades como as ‘Nocturnas’, os obradoiros creativos para nenos ‘Deseños minúsculos, valores maiúsculos’ ou a gran cita coas ideas innovadoras: o ‘TedxGalicia 2016’.

Cun atractivo plan para cada día da semana, ‘Verán no Gaiás’ converte as tardes dos martes de xullo nun laboratorio de creatividade para os máis pequenos. Será a través dos obradoiros ‘Deseños minúsculos, valores maiúsculos’, cos que se busca potenciar a curiosidade dos nenos polo deseño, estimular o seu talento creativo e sacar a relucir as súas aptitudes artísticas da man de destacados profesionais da ilustración, a artesanía, a moda e o deseño. Conducidos por Lois Guillán, creador da firma Cucuducho, os obradoiros terán lugar os días 5, 12, 19 e 26 de xullo e as entradas, a un prezo de 3€, xa están á venda no Museo Centro Gaiás ou ataquilla.com (+gastos de xestión).

A noite será a protagonista dos mércores, cun convite a descubrir unha nova cara da mostra ‘Con-fío en Galicia’. Será a través das ‘Nocturnas’ que, durante os mércores de xullo e agosto, ofrecerán un percorrido guiado pola mostra que acolle o Museo Centro Gaiás xunto a unha cata de viños da D.O. Ribeiro e unha sesión D.J. O custo da actividade é de 5€ (+gastos de xestión) e as entradas xa están á venda no Museo Centro Gaiás ou ataquilla.com.

Descubre o Bosque de Galicia
Os xoves será a quenda dos hábitos de vida saudables grazas ao ‘Camiño ao Gaiás’. Por sexto ano consecutivo e da man da Fundación USC Deportiva, a Cidade da Cultura ofrece a posibilidade de descubrir o patrimonio natural, artístico e histórico de Compostela a través dun roteiro a pé guiado desde o centro de Santiago ata o Gaiás.

Con saída da oficina de Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63), ‘Camiño ao Gaiás’ terá lugar todos os xoves do 7 de xullo ao 8 de setembro, con saída ás 16:45 horas. Como novidade, os participantes accederán este ano ao Gaiás polo Bosque de Galicia, coñecendo as novas áreas verdes e de lecer da Cidade da Cultura, ao tempo que terán a posibilidade de realizar unha visita guiada á exposición ‘Con-fío en Galicia’. Como sempre, a actividade é de balde mais é preciso inscribirse previamente en cidadedacultura.gal.

Outro dos clásicos da programación de verán na Cidade da Cultura volve aos venres de xullo, agosto e setembro (do 1 de xullo ao 9 de setembro). Son as ‘Visitas Astronómicas’, unha proposta do Gaiás que, xunto ao Observatorio Astronómico Ramón María Aller, convida á cidadanía a aprender a ollar o ceo. A actividade tamén é de balde apuntándose no web..

Cine+sesión DJ
Para as fins de semana volve un imprescindible da programación estival da Cidade da Cultura: ‘Atardecer no Gaiás’. Do 7 de xullo ao 27 de agosto, a praza central acollerá todos os xoves, venres e sábados pequenas actuacións coas mellores bandas do momento. McEnroe será a banda encargada de darlle a benvida ao verán o 7 de xullo, nunha primeira semana na que tamén pasarán polo Gaiás Novedades Carminha e Alondra Bentley. Ata un total de 18 actuacións terán lugar no ‘Atardecer no Gaiás’, que contará coa presenza de bandas como Os amigos dos Músicos, Mucho, Marc Jonson, The Soul Jacket ou a Orquestra de Cámara Galega.

E como novidade, ‘Atardecer no Gaiás 2016’ amplía formato, con catro sesións de proxeccións audiovisuais en pantalla xigante precedidas dunha sesión DJ temática. Todas as sesións terán lugar a partir das 21 horas, con entrada libre e de balde.

I Festival de Bandas Infantís e Xuvenís
Os amantes da música teñen outra cita o 10 de xullo, cando a praza central do Gaiás acolla o I Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, no que un total de doce formacións –integradas por músicos menores de 20 anos- interpretarán durante vinte minutos o repertorio elixido para a ocasión.

O 20 de agosto volve outro clásico do verán: ‘Cidade Imaxinaria’. De 11 a 20:30 horas, a praza central converterase nunha pista de circo chea de cor, diversión e actividades para toda a familia. Un día enteiro para gozar cos mellores espectáculos ao aire libre e totalmente de balde.

Xa a finais de agosto, a Biblioteca e Arquivo de Galicia encherase de talento emerxente nunha nova edición do ‘Encontro de Artistas Novos’. Do 28 de agosto ao 1 de setembro, un total de 40 creadores novos compartirán experiencias entre eles e con artistas consolidados como Alicia Martín, Lino Lago e Ruth Montiel.

Exposicións todos os días
Ao longo dos meses do verán, a Cidade da Cultura acollerá ata catro exposicións, comezando por ‘Con-fío en Galicia’, a mostra que repasa o mellor da historia da moda e do téxtil e que pode verse ata o 11 de setembro, de martes a domingo, de 10 a 20 horas, no Museo Centro Gaiás. A mostra ten entrada de balde e dispón de visitas guiadas diarias tamén de balde, ás 12:30 e ás 18:30 horas.

Nas Torres Hejduk, o visitante terá a posibilidade de descubrir a intervención artística de Sonia Navarro ‘Quefaceres e equilibrios’, ligada á tradición familiar dos oficios femininos. O proxecto poderá verse ata o 21 de agosto, de luns a domingo, de 10 a 20 horas. Entrada libre ata completar aforo.

A partir do 15 de xullo, a Biblioteca e Arquivo de Galicia acollerá a exposición ‘Rostros do país’, un traballo do fotógrafo Xurxo Lobato, que presentará un retrato colectivo de Galicia a través de 70 fotografías de gran formato, especialmente realizadas para este proxecto. A mostra poderá verse de luns a domingo ata o 18 de setembro en horario de 10 a 20 horas, con entrada libre.

E xa o 1 de setembro, as Torres Hejduk acollerán a ‘site specific’ de Miguel Benjumea e Román Corbato ‘Homo Ludens’, o proxecto gañador da pasada edición do Encontro de Artistas Novos. A intervención poderá visitarse e interactuar con ela ata o 27 de novembro, de luns a domingos, de 10 a 20 horas. Entrada libre.

Cita innovación e o emprendemento
A Cidade da Cultura prestará especial atención ao emprendemento durante este verán. Así, o 16 de xullo, o Museo Centro Gaiás acollerá a gran cita coas ideas innovadoras: o TedxGalicia 2016. De 11 a 20 horas, o Gaiás será o escenario de destacados relatorios en vivo, combinados co visionado de vídeos das coñecidas Ted Talks ou charlas inspiradoras, co obxectivo de favorecer a reflexión e o debate.

E do 29 de setembro ao 1 de outubro, a Cidade da Cultura acollerá o Spin2016. Baixo o lema ‘Creando Cultura Emprendedora’, o maior evento de emprendemento universitario de Iberoamérica reunirá a 2.000 emprendedores, estudantes, investigadores, empresarios, investidores e académicos de 20 países, ao tempo que ofrecerá apoio directo a 150 proxectos e startups nadas da Universidade.

Visitas diarias ao complexo
Para completar esta programación de verán, a Cidade da Cultura convida a todos os visitantes a coñecer un pouco máis polo miúdo o complexo deseñado por Peter Eisenman a través dun programa de visitas guiadas.

De martes a domingo, as visitas terán lugar ás 11:30 e ás 17:30 horas. A entrada é de balde e non precisa inscrición. Só hai que achegarse ata o Museo Centro Gaiás uns minutos antes de que comece a actividade.

Comparte