Nova: A Rapa das Bestas de Sabucedo contará con tres curros e actuacións musicais

17/06/2016

A Rapa das Bestas de Sabucedo contará con tres curros e actuacións musicais

Os festexos comezarán o 1 de xullo e prolongaranse ata o día 4, nunhas xornadas nas que se contará coas músicas de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre,  SES e Ataque Escampe, entre outras

Santiago, 17 de xuño de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, cualificou a Rapa das Bestas de Sabucedo -que se celebra do 1 ao 4 de xullo na Estrada- como un “referente cultural en Galicia polo seu respecto á tradición popular” xa que, segundo trasladou con motivo da presentación da edición deste ano, a celebración “une á perfección” o factor cultural e tradicional co factor turístico e de desenvolvemento económico.

Acompañado polo alcalde da Estrada, José López Campos; e polo presidente da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, Xosé Henrique Bazal Bouzas, o conselleiro salientou que este acontecemento é “máis que unha festa”, posto que se trata, en palabras de Román Rodríguez, dunha demostración de respecto cara os animais e o monte, dunha xuntanza interxeracional e interpoboacional, e dunha exaltación desta tradición ancestral, coñecida incluso no estranxeiro. Neste sentido, cómpre lembrar que é unha das nove celebracións galegas actualmente declaradas Festa de Interese Turístico Internacional.

Celebración secular e cultural
Trátase, ademais, dun acontecemento secular, pois as referencias máis antigas sitúano no século XVI, aínda que a primeira Rapa da que se ten constancia data do século XVIII. Ao longo destes anos, esta celebración converteuse, tal e como salientou o conselleiro, en parte da “identidade dos galegos”. De feito, o filósofo estradense Manuel Cabada descríbea desde un punto de vista antropolóxico, cando fala da chegada á madurez dos nenos e nenas ao agarrar o poldro que guían os maiores.

Labor da asociación
No transcurso da súa intervención, Román Rodríguez tamén reivindicou o labor da Asociación por protexer os valores culturais da celebración e por seguir difundindo a festa alén das súas fronteiras. Deste xeito, instou a “conservar a esencia destas manifestacións de fonda raíz cultural e histórica”, compaxinando a un mesmo tempo a promoción do evento coa conservación dos seus valores.

A Rapa atrae a multitude de galegos e turistas estranxeiros cada ano. Nesta ocasión, os actos comezarán o 1 de xullo e prolongaranse ata o día 4. Ao longo destas catro xornadas realizaranse tres curros, onde os chamados “aloitadores” se enfrontarán ás bestas co seu corpo como única arma, co fin de sanealas para despois devolvelas de novo ao monte.

RapaSons

Para os amantes da música galega, tamén haberá música: RapaSons 2016. Así o venres 1 de xullo actuarán Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, SES, Ataque Escampe, Cuchufellos e Xurxo Souto, a partir das 22.30 horas.

O sábado e domingo, para amenizar a espera dos curros, actuarán Tequexetéldere, Fanfarria Taquikardia e Primordiais.
 

Comparte