Nova: Segovia acolle unha iniciativa baseada no Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura
28/06/2016
Segovia acolle unha iniciativa baseada no Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura
Cincuenta creadores emerxentes reflexionarán durante esta semana en La Casona del Pilar ao redor da arte contemporánea e darán a coñecer os seus traballos
O Encontro de Artista Novos do Gaiás viaxará en outono ata a cidade arxentina de Córdoba, consolidándose como un modelo de convivencia entre novos artistas tras as súas 5 edicións en Galicia e a súa presenza en Uruguai durante o 2015
A sexta edición do EAN terá lugar na Cidade da Cultura do 28 de agosto ao 1 de setembro e o prazo de inscrición remata este venres, 1 de xullo
Santiago, 28 de xuño de 2016.- A Fundación Villalar Castilla y León promove un encontro de artistas novos inspirado no formado do que se celebra na Cidade da Cultura desde setembro de 2011 da man de Rafael Doctor, un modelo que se ten levado con éxito a Uruguai e que este ano se replicará na cidade arxentina de Córdoba. A iniciativa que se celebra estes días en Segovia enmárcase nun acordo de colaboración entre a Fundación Villalar Castilla y León e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia que ten como obxectivo potenciar os artistas emerxentes.
Desde este luns e ata o vindeiro 1 de xullo, un total de 50 artistas novos convivirán en La Casona del Pilar, Segovia, onde ademais de dar a coñecer o seu propio traballo, asistirán a conferencias de artistas xa consolidados e poderán intercambiar experiencias con convidados que exercen o comisariado, a crítica ou a xestión da arte contemporánea cunha carreira relevante.
Ata Segovia se desprazou a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira, quen se manifestou moi satisfeita pola colaboración con outras institucións para apoiar e promocionar un lugar de encontro, debate e exposición do traballo de artistas emerxentes
Tras Uruguai, o EAN viaxa a Arxentina
O Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura’ naceu en setembro de 2011 baixo a dirección de Rafael Doctor no marco da primeira programación cultural do Gaiás. Tras cinco edicións, o EAN é hoxe un formato consolidado no que ao redor de 400 creadores presentaron as súas propostas artísticas. Ademais, recoñecidos creadores como Jorge Perianes, Lois Patiño ou Nuria Güell foron participantes no seu día dalgunha das edicións do EAN cando aínda comezaban a abrirse paso no mundo da arte.
Ademais, durante o 2015, o EAN viaxou por primeira vez fóra das nosas fronteiras, coa edición celebrada en Uruguai, onde o Centro Cultural de España en Montevideo, organismo de cooperación cultural da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (Aecid), reuniu un total de corenta artistas novos do 24 ao 28 de xuño de 2015 no Parque Vacacional de Agadu, localizado na Atlántida.
Este ano, o EAN viaxará ata Córdoba, Arxentina, durante o outono, consolidando así como un modelo de convivencia entre creadores emerxentes.
Sexta edición en agosto
A Cidade da Cultura, pola súa banda, acollerá do 28 de agosto ao 1 de setembro a sexta edición do Encontro de Artistas Novos, no que un total de 40 creadores convivirán durante unha semana ao redor da arte contemporánea.
Este ano, os participantes contarán coa experiencia de artistas consolidados como Alicia Martín, Lino Lago e Ruth Montiel. Xunto a eles, os participantes convivirán con observadores que apoian aos novos creadores e que queren estar ao corrente das novidades do artista emerxente e os seus proxectos artísticos. Javier Díaz-Guardiola, Guillermo Espinosa, Ángel Calvo Ulloa e Nerea Ubieto serán os críticos ou comisarios que, neste evento, actuarán de “art followers”.
O prazo para inscribirse nesta última edición do EAN remata este venres, 1 de xullo. Os interesados deben enviar a documentación requirida: boletín de subscrición, fotocopia do DNI ou pasaporte, curriculum vitae abreviado (máximo unha folla) e dossier de presentación do traballo artístico en formato papel (máximo 15 follas a este mail).
Poden optar a unha praza todos os nados entre 1981 e 1998 e que non participaran nas cinco edicións anteriores. A convocatoria é aberta e poderán participar tanto estudantes e licenciados en Belas Artes e afíns como todos aqueles que mediante a documentación presentada demostren ter unha traxectoria ou proxecto artístico. Ademais, dez das corenta prazas dispoñibles estarán abertas a artistas maiores de 35 anos, que deberán cumprir os mesmos requisitos que os emerxentes.
O nome dos seleccionados darase a coñecer o venres 22 de xullo e deberán confirmar a súa participación antes do 29 de xullo. As bases completas do ‘VI Encontro de Artistas Novos’ poden consultarse en www.cidadedacultura.gal, así como baixar o boletín de subscrición.