Nova: A ópera Falstaff de Verdi inaugura a programación lírica da Coruña
19/07/2016
A ópera Falstaff de Verdi inaugura a programación lírica da Coruña
Alberto Zedda será o director musical da versión de Gustavo Tambascio, cun reparto encabezado por Ainhoa Arteta e Bryn Terfel xunto coa Orquestra Sinfónica de Galicia e o Coro Gaos
Agadic apoia as actividades de promoción do xénero lírico que leva a cabo a Asociación Amigos da Ópera e que hoxe foron presentadas na cidade herculina
A Coruña, 19 de xullo de 2016.- Cultura, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), colabora na produción en versión semiescénica da ópera ‘Falstaff’, de G. Verdi, que será estreada o próximo 3 de setembro no Pazo da Ópera da Coruña baixo a dirección musical de Alberto Zedda e con Ainhoa Arteta e Bryn Terfel nos papeis principais.
Esta será a cita central da vindeira actividade promovida pola Asociación Amigos da Ópera da Coruña, que abrangue unha programación composta por outros recitais e diferentes accións para o fomento do xénero lírico e que hoxe foi presentada no Pazo de María Pita polos seus organizadores e patrocinadores.
A presentación contou coa participación do director da Agadic, Jacobo Sutil, quen situou o apoio da Xunta de Galicia a Amigos da Ópera nun marco continuado de cooperación coa finalidade de facilitar o encontro do público galego co xénero operístico e coas grandes obras líricas do patrimonio universal, así como de afianzar en Galicia unha programación operística de carácter estable e do máximo nivel, tal como recolle o convenio de colaboración asinado o pasado 22 de xuño entre ambas as dúas entidades.
“Con este apoio concreto diriximos o noso obxectivo a distintos ámbitos, tales como o do fomento da afección musical, a dinamización socioeconómica a carón da cultural, a posta en valor do traballo dos nosos intérpretes e profesionais ou a presenza de Galicia no mapa dos circuítos de distribución internacional da música clásica e do bel canto”, engadiu o director da Agadic.
Homenaxe a Shakespeare
‘Falstaff’, considerada a última gran obra mestra de Verdi, é unha comedia lírica en tres actos con libreto de Arrigo Boito e baseada en dúas obras de Shakespeare: ‘Enrique IV’ e ‘As alegres comadres de Windsor’, polo que, coa súa programación na Coruña, réndese tamén homenaxe ao dramaturgo británico na conmemoración do 400 cabodano da súa morte.
A versión semiescénica que se ofrecerá na Coruña a cargo de Gustavo Tambascio conta coa dirección musical de Alberto Zedda á fronte da Orquestra Sinfónica de Galicia e do Coro Gaos, así como cun reparto de primeira liña internacional integrado, entre outros, polo barítono-baixo galés Bryn Terfel (una das grandes figuras mundiais da lírica actual), as sopranos Ainhoa Arteta e Ruth Iniesta, a mezzosoprano Marianne Cornetti, os tenores José Francisco Pardo e Francisco Corujo, e mais o barítono Juan Jesús Rodríguez.