Nova: A Agadic incrementa o seu apoio ao Culturgal 2016

22/07/2016

A Agadic incrementa o seu apoio ao Culturgal 2016

Cultura achega 52.000 euros para a celebración da vindeira edición da Feira das Industrias Culturais, que terá lugar en Pontevedra do 2 ao 4 de decembro

Santiago, 22 de xullo 2016.- O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o presidente da Asociación Culturgal, Manuel Bragado, asinaron hoxe en Santiago de Compostela un convenio de colaboración polo que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achega 52.000 euros para a realización das actividades da vindeira Feira Galega das Industrias Culturais.

O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá do 2 ao 4 de decembro a novena edición de Culturgal, un encontro de referencia para todos os axentes do sector cultural, con seccións e programacións dedicadas ao libro, ao audiovisual, ás artes escénicas, á música, ao deseño e á Internet e novas tecnoloxías.

A próxima celebración desenvolverase baixo o lema ‘Cultura, comunidade, futuro’ e introducirá novidades organizativas e de planificación para seguir consolidando este evento e avanzar no obxectivo de intercambiar experiencias e idear novos proxectos de colaboración entre as industrias creativas galegas e destas con disciplinas doutros territorios.

No documento rubricado este mediodía, que aumenta en 2.000 euros a contía disposta para a mesma finalidade no pasado 2015, as dúas entidades asinantes renovan o seu compromiso para establecer iniciativas que reforcen a acción cultural en Galicia, conxugando o encontro profesional coa presentación, promoción e venda de bens e servizos culturais, e atendendo así ao fomento da demanda de produtos culturais.

O obxecto concreto do convenio é o desenvolvemento de actividades culturais e profesionais no marco de Culturgal 2016, mediante unha programación que contempla actuacións en directo de música e artes escénicas, presentacións de produtos, proxectos e servizos, proxeccións audiovisuais, encontros entre profesionais e creadores, presentacións ao público asistente, debates, foros de opinión e obradoiros formativos. Fíxase, ademais, a presenza institucional da Xunta de Galicia no recinto expositivo de Culturgal, onde se instalará un amplo pavillón desde o que se promoverán as accións dos distintos departamentos dedicados á difusión da cultura producida actualmente en Galicia e á dinamización do uso da lingua galega.
 

Comparte