Nova: Últimos días para visitar a mostra Con-Fío en Galicia no Gaiás

08/09/2016

Últimos días para visitar a mostra Con-Fío en Galicia no Gaiás

A exposición do Museo Centro Gaiás, inaugurada o pasado 11 de marzo, pode visitarse de balde ate o vindeiro domingo

A mostra despídese con máis de 30.000 visitantes, e tras desenvolver un completo programa de actividades destinadas a pór en valor a moda e téxtil galego

Durante os seis meses de apertura ao público, achegou os seus contidos a 4.500 alumnos de centros escolares de toda Galicia

Santiago, 8 de setembro  de 2016.- A Cidade da Cultura convida a aproveitar os últimos días de Con-Fío en Galicia para achegarse ao Museo Centro Gaiás e coñecer antes da clausura esta exposición que explora a historia do téxtil e da moda galega. A mostra, inaugurada o 11 de marzo e que poderá visitarse de balde ata o domingo 11 de setembro, despídese superando os trinta mil visitantes. Os interesados contan coa posibilidade de participar en visitas guiadas gratuítas todos os días ás 12,30 e ás 18,30 horas.

Durante os últimos seis meses e grazas a Con-Fío en Galicia, a Cidade da Cultura se ten convertido nunha pasarela para descubrir e pór en valor a creatividade galega no eido da moda, así como os logros empresariais acadados. Comisariada polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, a mostra pretende ser unha homenaxe a un sector cunha longa tradición en Galicia e que ten situado a comunidade nun lugar de referencia no panorama internacional.

Ao longo de 300 pezas, a exposición realiza un percorrido histórico prestando especial atención a momentos como a década dos oitenta, coa eclosión de creatividade que se viviu en Galicia coa famosa ‘La arruga es bella’ de Adolfo Domínguez, as creacións de Roberto Verino, Antonio Pernas ou o grupo ‘Galicia Moda’ (Gene Cabaleiro, Florentino, Caramelo, María Moreira, María Mariño…). Con-Fío en Galicia achégase ao fenómeno Inditex, hoxe primeiro grupo téxtil do mundo, e recolle mostras do traballo de destacados valores do deseño actual como Sara Coleman, Eva Soto ou José Castro. 

Programa de actividades

No marco de Con-Fío en Galicia, o Museo Centro Gaiás ten desenvolvido un intenso programa de actividades dirixidas a dar a coñecer os logros da moda e do téxtil galego entre públicos  diversos, abrindo espazos para reflexionar sobre os camiños que se avistan  no futuro e para estimular a creatividade. Neste senso, a exposición contou con un activo programa de visitas didácticas, que achegou a mostra a 4.500 escolares de centros de toda Galicia, adaptando os contidos aos diferentes niveis educativos.

Con motivo desta exposición, organizáronse as Xornadas Académicas Con-Fío en Galicia, dirixidas pola profesora Fátima Díez Platas, e nas que participaron nomes tan destacados como o director do Museo Thyssen-Bornemisza, Guillermo Solana, ou o fotógrafo Manuel Outumuro, a deseñadora Sara Colmean ou Juan Guitérrez, do Museo Nacional do Traxe, entre outros. O programa de actividades contou cos talleres ‘Arte e Moda’, con artistas como Chelo Matesanz, Melania Freire, Lula Goce ou Carolina Cruz Guimarey, e os máis novos puideron participar en actividades pensadas de xeito específico para estimular a súa imaxinación, como o ciclo ‘Deseños minúsculos, valores maiúsculos’ ou a xincana que se celebrou durante o festival de ‘Cidade Imaxinaria’.

Xunto ás guiadas e ás didácticas, o Museo Centro Gaiás ofreceu durante os meses de verán as Visitas Nocturnas, nas que música e gastronomía déronse a man para enriquecer a experiencia de achegarse a Con-Fío en Galicia. A exposición permitiu tamén impulsar eventos como o Encontro de Blogs de Moda en Galicia, ou presentacións de coleccións de deseñadores galegos, como a de María Barros durante o ciclo ‘Enocións by Ribeiro’.

Escola de moda en Galicia

Con Con-Fío en Galicia, o Museo Centro Gaiás serviu de escaparate para dar a coñecer o traballo que están a realizar as escolas de moda de Galicia, como ESDEMGA ou a EASD Mestre Mateo, que levaron a cabo unha serie de recreacións históricas incluídas no contido da exposición e que estiveron presentes na inauguración a través dos traballos de Sheila Pazos e Paula Sobrino.

A mostra foi tamén o marco para a investigación e a recuperación de vestiario histórico, como a recreación dun traxe de Rosalía de Castro a partir dunha fotografía do século XIX pertencente á Real Academia Galega, peza que vén de ser cedida ao museo dedicado á poetisa en Padrón. Neste mesmo eido, Arantza Vilas, deseñadora galega instalada en Londres, colaboradora en producións de éxito internacional, como a serie ‘Juego de Tronos’, levou a cabo un proxecto de investigación en torno ao vestiario de reis medievais.

A exposición Con-Fío en Galicia contou co patrocinio do Fondo Gaiás da Empresa Galega, integrado polas empresas da antiga Fundación privada Gaiás, e ademais con Viaqua e a D.O. Ribeiro como colaboradores.

Oferta expositiva

Os visitantes que se achegan estes días a Cidade da Cultura terán tamén ocasión de explorar a intervención ‘Homo Ludens’ nas Torre Hejduk, proxecto gañador na edición de 2015 do Encontro de Artistas Novos, obra de Román Corbato e Miguel Ángel Benjumea e na que se convida ao espectador a regresar ao xogo e aos territorios do lecer.

O oferta expositiva do Gaiás complétase con ‘Rostros do País’, a mostra do fotógrafo Xurxo Lobato que se atopa na Biblioteca e Arquivo de Galicia, unha colección de retratos de gran formato de persoeiros do mundo da cultura, da ciencia do deporte ou da empresa e de cidadáns representativos dalgún dos sectores ou actividades clave da comunidade autónoma.  O acceso a ‘Homo Ludens’ e a ‘Rostros do país’ é de balde.

Comparte