Nova: A música de raíz, protagonista da programación de Espazos Sonoros para esta fin de semana
08/09/2016
A música de raíz, protagonista da programación de Espazos Sonoros para esta fin de semana
Tres Pesos, o grupo formado por Felisa Segade, Estevo Lamas e Antón Ferreira, actuará o sábado 10 de setembro, ás 19:00 horas, no Museo Etnolóxico de Ribadavia, desde onde previamente partirá un roteiro fluvial ata Francelos
O domingo 11, o ciclo viaxa ata o castelo de Santa Cruz da Guarda, cun concerto de cantos de cego de Galicia e Portugal a cargo de Ariel Ninas e César Prata
Ata o 18 de outubro, a novena edición de Espazos Sonoros ofrecerá nove concertos, obradoiros e visitas guiadas en espazos singulares de toda Galicia para poñer en valor o patrimonio cultural
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2016.- A programación do festival Espazos Sonoros 2016 terá como protagonista esta fin de semana a música de raíz e de hoxe, co concerto que ofrecerá o grupo Tres Pesos, o sábado 10 de setembro, no Museo Etnolóxico de Ribadavia, nunha actuación de balde e de entrada libre ata completar a capacidade.
Felisa Segade, Xosé Antón Ferreira e Estevo Lamas, tres músicos de fonda traxectoria no eido da música tradicional, actuarán ás 19:00 horas na que fora a antiga casa do marqués de Baamonde, actual sede do Museo Etnolóxico de Ribadavia, onde presentarán o seu primeiro traballo, ‘Acta fundacional’.
Desde alí, partirá previamente, ás 15:00 horas, un roteiro fluvial a Francelos, no que as persoas inscritas terán ocasión de percorrer unha paraxe de gran riqueza etnolóxica, natural e paisaxística, que transcorrerá pola beira do río Avia e por un tramo do antigo Camiño Real que unía Ribadavia con Tui. O peirao de Porto Corbeira, a igrexa de San Xes de Francelos, do século IX, o val de Valparaíso e as pozas naturais que forma o río Brul son algúns dos atractivos desta andaina.
A programación da fin de semana deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura e Educación –a través da Secretaría Xeral de Cultura–, baixo a dirección artística de Belén Bermejo, complétase o domingo 11 cunha xornada que afondará no patrimonio musical, arquitectónico e vitivinícola da fronteira co país veciño.
Cantos de cego de Galicia e Portugal
Ás 19:30 horas, no castelo de Santa Cruz da Guarda, o dúo formado por César Prata e Ariel Ninas achegarase á tradición dun personaxe singular na cultura musical universal: a persoa invidente que canta e fai música, e o seu repertorio recollido entre as dúas ribeiras do río Miño. Estes dous músicos, de Galicia e de Portugal, recrearán cancións, cantares de cego, que, desde a Idade Media ata os nosos días, acompañaron a paisaxe sonora de feiras, romarías e rúas, nun concerto gratuíto e de entrada libre ata completar a capacidade.
Entre viñas e fortes
Esta actuación musical poralle o peche a unha xornada, que comezará pola mañá no Baixo Miño, nunha zona na que conviven numerosas fortificacións militares transfronteirizas, xurdidas das guerras que enfrontaron a España e Portugal, e que configuran unha das arquitecturas militares máis interesantes do século XVII en Europa.
A xornada permitirá, por unha banda, un achegamento á cultura e á paisaxe vitivinícola dunha das subzonas da denominación de orixe Rías Baixas, a dos viños do Rosal, cun percorrido a pé de viñas polas plantacións das adegas Terras Gauda e, por outra, a descuberta do castelo de Santa Cruz, a través dunha visita guiada á fortificación.
Nove concertos e diversas actividades
Desde o pasado 3 de setembro e ata o 18 de outubro, Espazos Sonoros 2016 propón un achegamento a diferentes edificacións históricas dos concellos de Vimianzo, de Ribadavia, da Guarda, de Pedrafita do Cebreiro, de Lalín, de Monterrei, de Bergondo, de Palas de Rei, da Coruña e de Baiona a través dunha programación que inclúe nove concertos e actividades como camiñadas, visitas guiadas e obradoiros de música antiga para afondar no coñecemento dos instrumentos.
A igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas de Rei; o castelo de Santa Cruz, na Guarda; o pazo de Liñares, en Lalín; Santa María a Real do Cebreiro e o castelo de Monterrei son algúns dos espazos patrimoniais, civís e relixiosos nos que se poderán escoitar agrupacións galegas e internacionais de estilos e procedencias diversas, como o Ensemble Gilles Binchois, La Xácara, La Compagna, Solo Voces e o organista Adrián Regueiro ou a pianista Paula Ríos, encargada de recuperar a obra para piano de Rosa García Ascot e Xesús Bal y Gay.
Tampouco falta na programación deste ano o habitual espazo para a difusión dos órganos históricos. Nesta ocasión, o 17 de setembro, o festival visitará os órganos que se atopan ao longo da primeira etapa do Camiño Francés á súa entrada en Galicia, desde O Cebreiro ata Sarria, pasando por Samos. O prazo para inscribirse nas roldas está aberto actualmente e as persoas intersadas en participar poden enviar un correo a actividades@espazossonoros.org ata o 14 de setembro.
Concertos de balde e actividades con inscrición previa
A programación completa da novena edición de Espazos Sonoros, pode consultarse en www.espazossonoros.org e en www.cultura.gal/axenda. Todos os concertos do festival Espazos Sonoros son de balde e a entrada é libre ata completar a capacidade. No caso das actividades, as que contan con prazas limitadas requiren inscrición previa nas datas establecidas.