Nova: Prego, 100 anos pon en valor as múltiples facetas deste referente da plástica galega do século XX

12/09/2016

Prego, 100 anos pon en valor as múltiples facetas deste referente da plástica galega do século XX

Tres mostras exhibirán 1.200 pezas catalogadas, 340 debuxos e 130 óleos no Museo Municipal de Ourense e nas salas Valente e Afundación

A iniciativa, promovida polo Concello de Ourense coa colaboración da Xunta de Galicia, de Iberdrola, de Afundación e de diversos museos, fundacións e particulares, tamén inclúe obradoiros, conferencias e publicacións
 

  • Anxo Lorenzo na rolda de prensa de hoxe Anxo Lorenzo na rolda de prensa da presentación da mostra
  • Anxo Lorenzo na rolda de prensa de hoxe Anxo Lorenzo na rolda de prensa de presentación da mostra

Ourense, 12 de setembro de 2016.- A figura e a obra do artista ourensán Manuel Prego de Oliver serán protagonistas da oferta expositiva da cidade das burgas desde este mes de setembro e ata xaneiro de 2017 a través do proxecto Prego, 100 anos. Promovida polo Concello de Ourense co apoio da Consellería de Cultura e Educación, a iniciativa ofrecerá tres exposicións coas que se convida a cidadanía a “redescubrir un pintor e intelectual cunha obra aínda pouco coñecida polos públicos galegos, pero interesante no seu contexto”.

Así o asegurou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa de presentación do proxecto, que tivo lugar hoxe no salón de plenos do Concello de Ourense e que tamén contou coas intervencións do alcalde da cidade, Xesús Vázquez; e de Natalia Figueiras, comisaria da exposición xunto con Xavier Limia.

A obra de Prego, no centro da oferta cultural

“Desde a Xunta de Galicia –afirmou o secretario xeral– sumámonos con gratitude para facer posible esta iniciativa”, conformada por un conxunto de accións divulgativas para os vindeiros meses, “para poñer o pintor no centro da oferta cultural non só da cidade de Ourense, senón de Galicia e mesmo cunha extensión máis alá do noso país”.

Finalmente, expresou o seu desexo de que “os ourensáns e as ourensás acollan a mostra co máximo interese” e de que se logre “transcender a propia cidade e espertar a curiosidade polas distintas vertentes da obra de Prego de Oliver entre o conxunto de Galicia”.

Unha visión panorámica do seu legado

Prego, 100 anos, que se enmarca na recente celebración do centenario do nacemento do artista en 2015, abeirará tres exposicións: ‘Prego de Oliver, un pintor de ideas e arquetipos. Do bosquexo á obra gráfica’, a partir deste xoves 15 de setembro ás 20:00 horas na sede de Afundación; ‘O obradoiro: espazo de creación e materialización práctica. A súa obra inédita’, desde o 23 de setembro no Museo Municipal; e ‘Prego de Oliver e a captación do Eterno. O óleo como materialización da súa plástica’, na Sala Valente a partir do 29 de setembro.

O proxecto complétase, ademais, con diversos obradoiros didácticos, conferencias, publicacións e actos divulgativos que afondarán na figura do pintor e no seu modo de entender a vida a través da arte.

En total, 1.200 metros cadrados de espazo expositivo albergarán a obra do centenario: 1.200 obras catalogadas e inventariadas, 50 obras de coleccións e de institucións, ademais de 340 debuxos e 130 óleos. Entre todos eles, cómpre destacar polas súas dimensións os murais da Estación Marítima de Vigo, cunhas medidas de 6x3,4 metros cada un (e que se poderán visitar in situ, xa que na exposición estarán presentes de maneira dixital) ou un óleo de 2x4 metros.

Un referente da plástica galega

Manuel Prego de Oliver (Ourense, 1915-1986) dedicou a súa vida profesional á pintura, logo de que as circunstancias históricas, coa Guerra Civil, o obrigaran a deixar o seu oficio de mestre e coller o camiño da súa outra vocación, a artística.

En vida logrou unha certa proxección da súa obra: ademais das exposicións frecuentes en Galicia tamén conseguiu expoñer desde primeiros dos anos 40 en Madrid, Barcelona, Bilbao etc. para consolidarse xa a partir de finais dos anos 50.

O interese da súa creación viuse recoñecido no final da súa vida con diversas exposicións individuais, mesmo cunha mostra en París no Palacio da Unesco, xunto con diversos encargos que recibiu, como os murais da Estación Marítima de Vigo.

Comparte