Nova: O Gaiás leva a obra do fotógrafo José Suárez a Bos Aires e a Montevideo
18/09/2016
O Gaiás leva a obra do fotógrafo José Suárez a Bos Aires e a Montevideo
Tras despedirse do Instituto Cervantes de Madrid, a exposición 'Uns ollos vivos que pensan', producida pola Fundación Cidade da Cultura e comisariada por Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal, chegará ao Centro Cultural Borges de Bos Aires o 18 de outubro
A mostra poderá ser visitada posteriormente en Montevideo, outra das cidades nas que viviu o fotógrafo de Allariz
Santiago, 18 de setembro 2016.- A Fundación Cidade da Cultura de Galicia levará a exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ a Bos Aires e Montevideo, tras a súa estanza na sede do Instituto Cervantes en Madrid, onde se clausura hoxe despois de permanecer aberta ao público desde maio. Esta itinerancia por América Latina enmárcase no obxectivo de promover fóra de Galicia o coñecemento de José Suárez (Allariz, 1902- A Garda, 1974), considerado un dos grandes nomes da fotografía do século XX, achegando as súas imaxes ás cidades claves na súa biografía.
A retrospectiva de José Suárez no Instituto Cervantes supuxo a primeira dedicada ao fotógrafo que se organiza en Madrid desde o ano 1935, cando a súa obra se mostrou no Círculo de Bellas Artes. As 159 fotografías seleccionadas para exhibir no Cervantes reflicten o universo creativo e o carácter humanista e innovador dun dos grandes renovadores da fotografía en España.
Centro Cultural Borges
A exposición chegará ao Centro Cultural Borges de Bos Aires o 18 de outubro, onde permanecerá ata o 9 de novembro. Posteriormente, a mostra viaxará a Montevideo, outro dos destinos na vida do fotógrafo de Allariz. O Instituto Cervantes, tras expresar a súa satisfacción por acoller a obra de Suárez na súa sede de Madrid, valora a posibilidade de achegar a exposición a outros destinos internacionais, como París ou Tokio.
Producida pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia e comisariada por Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal, ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ inaugurouse no Museo Centro Gaiás, onde puido visitarse entre novembro de 2015 e marzo de 2016. A Fundación Cidade da Cultura presentou este proxecto como un intento de ‘rescatar dun olvido inxusto’ a obra de Suárez e devolver ao lugar que lle corresponde as imaxes do que é considerado un dos grandes nomes da historia da fotografía en Galicia e España.
A elección de Bos Aires e Montevideo como destinos para a itinerancia da exposición en América Latina responde a propia biografía do fotógrafo. Despois do estalido da Guerra Civil no 1936, José Suárez abandona España rumbo a Bos Aires, cidade na que conecta con toda a intelectualidade na diáspora e onde reinicia a su carreira profesional, obtendo un amplo recoñecemento como fotógrafo de prensa e tamén no mundo do cine. O seu periplo vital o levará tamén a Uruguai, onde residiu en Montevideo e Punta del Este.