Nova: Spin2016 arranca no Gaiás con máis de 3.000 persoas inscritas
27/09/2016
Spin2016 arranca no Gaiás con máis de 3.000 persoas inscritas
A Cidade da Cultura celebra do 29 de setembro ao 1 de outubro o maior evento de emprendemento universitario de Iberoamérica
Un cento de emprendedores universitarios de América Latina, España e Portugal recibirán en Spin2016 apoio, mentoría e financiamento
Santiago, 27 de setembro de 2016.- Máis de 3.000 persoas inscribíronse xa para asistir ao Spin2016, o maior evento dedicado ao emprendemento universitario, que se celebrará na Cidade da Cultura do 29 de setembro ao 1 de outubro.
No acto de inauguración, que terá lugar o vindeiro xoves día 29, participarán a Secretaria Xeral iberoamericana, Rebeca Grynspan; o Secretario Xeral da Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura, Paulo Speller; o presidente de RedEmprendia e reitor da Universidade de Sao Paulo, Marco António Zago; e o vicepresidente e Conselleiro Executivo do Banco Santander, Rodrigo Echenique, entre outros.
O director xeral de RedEmprendia, Senén Barro, explicou as claves dun evento que se converteu en só tres edicións “no referente para todas aquelas persoas que queren emprender desde a Universidade, e que baterá todos as marcas na Cidade da Cultura con máis de 3.000 asistentes, 70 relatores e un cento de proxectos que están a recibir o apoio para nacer, medrar e consolidarse como iniciativas emprendedoras de éxito”. Foi nun almorzo informativo celebrado hoxe en Santiago de Compostela, coa presenza da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; e o reitor da USC, Juan Viaño.
Programas de titorización
As 15 empresas seleccionadas para o foro de investimento SmartMoney4Stars benefícianse estes días dun programa de aceleración intensiva con expertos e mentores que lles orientarán para lograr convencer aos 60 investidores internacionais ante os que se darán a coñecer en Spin2016.
Por outra parte, os 30 proxectos finalistas de Model2Market asisten a un programa de formación impartido polo prestixioso IC2 da Universidade de Texas at Austin que será clave para perfeccionar as súas propostas e gañar un lugar na Pitch Competition que se celebrará o día 1 de outubro na Cidade da Cultura.
Para os mellores emprendedores, Spin2016 repartirá un total de 100.000 euros en premios que inclúen tanto apoio económico para os seus proxectos como asesoramento personalizado e o acceso aos programas internacionais de apoio ao emprendemento de RedEmprendia.
O programa de Spin2016 inclúe ademais conferencias, un marketplace cos mellores proxectos empendedores, obradoiros e seminarios e actividades de partnering e networking. Destacadas personalidades do mundo da ciencia, a investigación, a empresa e a cultura, como o músico e compositor gañador de dous Premios Oscar, Gustavo Santaolalla; a escritora brasileira e Premio Príncipe de Asturias das Letras, Nélida Piñón; o ex-seleccionador de fútbol español, Vicente del Bosque; a nominada ao Premio Nobel da Paz e directora do Instituto Afgán da Aprendizaxe, Sakena Yacoobi; ou a moza emprendedora peruana Mariana Costa, cuxo traballo en favor da integración das mulleres no ámbito tecnolóxico foi eloxiado por Barack Obama e Mark Zuckeberg.
Spin2016 é unha iniciativa de RedEmprendia, coorganizada con Banco Santander, a través de Santander Universidades, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e a Xunta de Galicia. Conta ademais co apoio da Deputación da Coruña, Estrella Galicia, Fundación EY, Indra, Gas Natural Fenosa, Google, Paypal, Tecnocom, a Fundación Paideia e a Cátedra UPM-Clarke, Modet & Cº España, e a colaboración de máis de medio cento de organizacións públicas e privadas e universidades.