Nova: Espazos Sonoros ofrece un concerto do grupo Gilles Binchois con obras cume da historia da música
06/10/2016
Espazos Sonoros ofrece un concerto do grupo Gilles Binchois con obras cume da historia da música
A formación, referente da música antiga, actuará o sábado 8 de outubro, as 20:30 horas, na igrexa de Santa María de Baiona, onde interpretará a Misa de Notre-Dame
A Secretaría Xeral de Cultura prosegue a programación do festival o 15 de outubro cun concerto do tenor Wilfried Rogl co conxunto austríaco Rosarum Flores no pazo de Mariñán, cunha visita guiada previa polas instalacións do pazo para a que está aberta a inscrición
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2016.- Espazos Sonoros regresa esta fin de semana cun concerto a cargo do Ensemble Gilles Binchois, un dos grupos de referencia no ámbito da música antiga. Creada e dirixida por Dominique Vellard, a formación actuará o sábado 8 de outubro, ás 20:30 horas, no marco do festival de música e patrimonio promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, nun concerto gratuíto que terá lugar na igrexa de Santa María de Baiona e no que soarán por primeira vez ao vivo en Galicia obras cume da historia da música. Unha desas obras é a ‘Misa de Nosa Señora’, composta cara a mediados do século XIV polo poeta, músico e clérigo francés Guillaume de Machaut para a catedral de Notre-Dame de Remis.
Autor dalgunhas das gravacións consideradas como obras cume na interpretación dos repertorios medievais e do Renacemento, o Gilles Binchois terá como escenario un espazo de singular valor patrimonial como é a igrexa de Santa María de Baiona, nun concerto que conta coa colaboración do Concello de Baiona.
A novena edición do festival Espazos Sonoros, que se desenvolverá ata o próximo 18 de outubro, prosegue a próxima fin de semana cun concerto do tenor Wilfried Rogl co conxunto austríaco Rosarum Flores, no que recrearán o contexto musical no que viviu e traballou William Shakespeare. A actuación, que se enmarca no catrocentos aniversario da morte do escritor, terá lugar o 15 de outubro, ás 19:00 horas, no pazo de Mariñán. Previamente, realizarase unha visita guiada previa ás instalacións do pazo, para a que é precisa inscrición previa. As persoas interesadas poden inscribirse ata o 12 de outubro no enderezo actividades@espazossonoros.org
Música en espazos patrimoniais
Desde o pasado 3 de setembro, Espazos Sonoros 2016 propón un achegamento a diferentes edificacións históricas dos concellos de Vimianzo, de Ribadavia, da Guarda, de Pedrafita do Cebreiro, de Lalín, de Monterrei, de Bergondo, de Palas de Rei, da Coruña e de Baiona a través dunha programación dirixida por Belén Bermejo e que inclúe nove concertos e actividades como camiñadas, visitas guiadas e obradoiros de música antiga para afondar no coñecemento dos instrumentos.
A igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas de Rei; o castelo de Santa Cruz, na Guarda; o pazo de Liñares, en Lalín; Santa María a Real do Cebreiro e o castelo de Monterrei son algúns dos espazos patrimoniais, civís e relixiosos que se converten este ano en escenario de Espazos Sonoros para escoitar agrupacións galegas e internacionais de estilos e procedencias diversas, como o Ensemble Gilles Binchois, La Xácara, La Compagna, Solo Voces e o organista Adrián Regueiro ou a pianista Paula Ríos, encargada de recuperar a obra para piano de Rosa García Ascot e Xesús Bal y Gay.
Concertos de balde e actividades con inscrición previa
A programación completa da novena edición de Espazos Sonoros pode consultarse en www.espazossonoros.org e en www.cultura.gal/axenda. Todos os concertos do festival son de balde e a entrada é libre ata completar a capacidade. No caso das actividades, as que contan con prazas limitadas requiren inscrición previa nas datas establecidas.