Nova: Womex 2014 converterá Santiago na capital das músicas do mundo, do 22 ao 26 de outubro
29/07/2014
Womex 2014 converterá Santiago na capital das músicas do mundo, do 22 ao 26 de outubro
A cita contará coa presenza galega de Davide Salvado dentro da selección oficial internacional, así como por Uxía e Germán Díaz no escenario Atlantic Connections
Congregará arredor de 2.500 profesionais de 90 países e terá un impacto económico en Galicia duns 2,5 millóns de euros
Focus Galicia buscará atraer á comunidade durante os días previos a unha selecta representación dos programadores, mánagers e axentes que participarán na feira
- Vídeo coas declaracións do conselleiro de Cultura e Educación
Santiago, 29 de xullo de 2014.- Santiago de Compostela converterase na capital das músicas do mundo, do 22 ao 26 de outbro, coa celebración da vixésima edición de Womex, a meirande feira internacional deste sector. A cita congregará arredor de 2.500 profesionais de 90 países e terá un impacto económico en Galicia duns 2,5 millóns de euros en sectores como servizos e produción de eventos, hostalería, comercio ou transporte. Para o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, estas cifras confirman o encontro como un “acontecemento internacional de primeira orde, cunhas magnitudes que poucas veces se reflicten nunha cita cultural.”
O conselleiro avanzou estas previsións durante a presentación hoxe na Cidade da Cultura de Galicia da programación artística que se desenvolverá tanto no Museo Centro Gaiás como noutros espazos da zona monumental compostelá e que contará con tres destacados representantes da música galega nos seus escenarios principais: o cantante Davide Salvado, incluído na selección oficial internacional, así como a cantante Uxía e o zanfonista Germán Díaz dentro do Atlantic Connections, que acollerá propostas de toda a Península e América Latina.
Os dous primeiros interviñeron tamén nesta presentación, que Vázquez Abad compartiu así mesmo coa concelleira de Economía de Santiago, Reyes Leis; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; e Antonio Martínez, de Nordesía Producións, socia local da empresa organizadora –a compañía berlinesa Piranha Musik– para a promoción do evento en Galicia.
Pola súa banda, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), é unha das entidades patrocinadoras de Womex 2014 xunto ao Concello de Santiago e o INAEM (Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música) do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Presenza histórica
Na súa intervención, o titular de Cultura e Educación incidiu na “enorme relevancia desta presenza artística galega, decidida por un xurado transnacional de especialistas, no calendario de máis de 60 concertos de Womex”. Trátase dun fito fundamental para a nosa música, tendo en conta que en toda a historia do evento só unha artista galega foi convidada dentro da sección oficial (Mercedes Peón en 2010), e moi poucos actuaron noutros escenarios da feira: Marful (2007), Mutenrohi (2008), Narf (con Manecas Costa, 2008), Cristina Pato (2010), Berrogüetto (2011) e Xosé Manuel Budiño (2013).
Neste mesmo sentido, subliñou a transcendencia desta representación como “oportunidade única de expansión, non só para as súas carreiras particulares, senón tamén para a música galega en xeral, xa que –continuou– estes tres artistas, de estilos e traxectorias tan diversas, representan o mellor e máis xenuíno do paradigma musical galego, sempre na constante procura de novas formas de expresión e de comunicación co público, sen perder de vista a nosa fonda e rica tradición sonora”.
Ademais, a música folk galega tamén terá o seu momento dentro do programa de conferencias que elaborou a organización de Womex e para o que conta como relator co profesor e investigador Sergio de la Ossa.
Focus Galicia
Neste acto, Xesús Vázquez Abad adiantou así mesmo a posta en marcha dunha nova iniciativa que, baixo o título ‘Focus Galicia’, buscará atraer á nosa Comunidade durante os días previos a Womex unha selecta representación dos programadores, mánagers e axentes que participarán na feira. O adianto da súa viaxe permitiralles asistir na Coruña, en Ourense e en Santiago a diferentes foros profesionais, visitar distintos espazos culturais e presenciar unha serie de ‘showcases’ especialmente deseñados para a ocasión e protagonizados por unha decena de músicos galegos.
Pola súa banda, a organización de Womex vén de anunciar a relación dos artistas de todo o mundo seleccionados por parte do seu xurado internacional de expertos. En canto ás músicas do resto da Península, os elixidos dentro da sección oficial xunto a Davide Salvado e outros artistas duns 30 países son o guitarrista Raúl Rodríguez (fillo de Martirio) e a cantora portuguesa Lula Pena. En Atlantic Connections, ademais de Uxía e Germán Díaz actuarán o grupo folk biscaíno Korrontzi, o cantautor portugués Custódio Castelo e os baianos Sertanília (Brasil), todos eles seleccionados tamén por unha comisión especializada de entre todas as propostas recibidas.
Womex é o principal encontro profesional para o sector das músicas do mundo, que atrae uns 2.500 delegados e 1.260 empresas de máis de 90 países, entre os que hai 800 programadores, máis de 500 selos, editores e distribuidores, así como máis de 300 xornalistas e 130 emisoras de radio. Ademais da feira profesional e dos concertos, acolle tamén un DJ WOMEX Summit, proxeccións de filmes, conferencias e ‘mentoring’ a cargo de 80 oradores e mentores de máis de 25 países.
Tras 19 edicións itinerantes por diferentes cidades europeas, como Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica ou Cardiff, Womex recala este ano en Santiago culminando así un longo período de xestións que comezou oficialmente en 2010 coa presentación da precandidatura compostelá. Para organizar esta vixésima edición, que conta cun amplo consenso social e sectorial, a proposta galega tivo que competir coas presentadas por outras vinte cidades, entre as que figuraban Dublín, Valencia, Glasgow ou Madrid.
Implicación das empresas galegas
Xunto co seu innegable valor cultural, Womex ten un extraordinario efecto económico e de imaxe na cidade que o hospeda. Ademais, aproximadamente un 80% do custe da produción reverte directamente nas empresas galegas, ao que hai que engadirlle o impacto da imaxe de marca da cidade, do país, do seu tecido cultural e da súa industria musical derivado da proxección internacional da feira.
Nestes momentos xa están rexistrados máis de 1.000 delegados (un 5% máis ca na pasada edición), cifra que suporía de media unhas 4.000 pernoctacións no sector hostaleiro compostelán.
Vídeos relacionados