Nova: O Museo de Belas Artes da Coruña amosa a evolución pictórica de Colmeiro

29/07/2014

O Museo de Belas Artes da Coruña amosa a evolución pictórica de Colmeiro

A exposición saca á luz innumerables pezas ata agora inaccesibles e descoñecidas para o público

  • ‘Manuel Colmeiro 1901 – 1999’ ‘Manuel Colmeiro 1901 – 1999’

A Coruña, 29 de xullo de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou esta tarde no Museo de Belas Artes da Coruña a exposición ‘Manuel Colmeiro 1901 – 1999’. Unha mostra na que se reflicte a evolución pictórica do artista silledense.

A exposición de Manuel Colmeiro “un dos artistas máis importantes da arte do pasado século, cunha raíz profundamente galega e cunha proxección excepcional no ámbito internacional”, segundo as palabras do titular do departamento de Cultura e Educación, parte de tres estudos inéditos, realizados polo artista nos anos trinta para un mural. Deste xeito, a través da mostra téntase afondar na evolución do silledense desde unha pintura simbólica a outra na que prevalece a autonomía dos seus trazos sobre o tema, facendo fincapé na modernidade da súa opción.

Para presentar esta evolución expóñense os seus temas máis recorrentes: o nu, a paisaxe, a natureza morta, a muller campesiña ou o autorretrato, facendo ver a convivencia do primitivismo cun certo clasicismo que se pon de manifesto tanto nos temas como na representacións plástica.

O museo coruñés ofrecerá, ata o vindeiro 26 de outubro, en estreita colaboración con Elena Colmeiro, unha exposición de produción propia que posúe un enorme interese, non só en canto á calidade intrínseca do autor e da súa obra, senón tamén pola novidade e singularidade que achega, xa que, grazas á magnífica colección atesourada pola súa familia e polo traballo desenvolvido polo equipo técnico do museo, saen á luz innumerables pezas ata agora inaccesibles e descoñecidas para o público. “Con esta mostra –segundo dixo Vázquez Abad– todas e todos temos a posibilidade de admirar moito máis, se cabe, ao Colmeiro colorista”

Esta constitúe unha oportunidade única para descubrir e admirar a súa obra e para afondar no coñecemento e estudo da vida de Colmeiro, un dos máis destacados representantes do movemento vangardista da pintura galega que, xunto con nomes como Carlos Maside, Arturo Souto, Laxeiro ou Luís Seoane revolucionaron a plástica galega da primeira metade do século XX.

Deste xeito, o Museo de Belas Artes da Coruña continúa coa serie de monografías sobre os artistas máis sobranceiros do panorama artístico galego e convértese de novo nun espazo de promoción e debate.

Comparte