Nova: A fotografía é protagonista este outono do programa expositivo do Museo do Mar de Galicia

16/10/2016

A fotografía é protagonista este outono do programa expositivo do Museo do Mar de Galicia

Santiago, 15 de outubro de 2016.- A fotografía protagonizará as dúas exposicións temporais que se exhiben este outono no Museo do Mar de Galicia, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria . Inauguradas o pasado venres, “Pontedeume 1865-2015”. 150 anos dunha vila mariñeira” e “Un mar de saberes. Fotografía de Rafa Estévez” poderán visitarse no museo vigués ata o vindeiro 20 de novembro.

Achega histórica

Comisariada por Xavier Brisset Martín, “Pontedeume 1865-2015”. 150 anos dunha vila mariñeira” recolle imaxes da chegada da pesca industrial e das novas embarcacións e artes, así como do nacemento do asociacionismo de mariñeiros e armadores nesta vila coruñesa. Fotografías tomadas por profesionais como Pedro Ferrer Sanz, José Villar Martelo, Lucien Roisin, Marcelino Saavedra Paadín, Francisco Salido Seco, Augusto Ríos Fonte ou Ramiro Piñeiro López.

A mostra conta coa cesión de imaxes de importantes institucións como o Arquivo do Reino de Galicia, a Real Academia Galega, o Centro Galego das Artes da Imaxe, o Museo do Pobo Galego, o Arquivo Xeral da Administración ou a Biblioteca Pública Municipal de Pontedeume; así como con pezas dos fondos particulares de Antonio Leira Noche, Antón Prego Fernández, Muebles la Mina e Foto Ríos.

O lado humano

Por outra banda o centro museográfico vigués amosa a achega persoal de Rafa Estévez ao mundo do mar no interior da Enseada de San Simón.

A mostra está conformado por fotografías nas que se reflicte a dureza do traballo no mar, así como os momentos de soidade dos homes e mulleres do mar; en definitiva, o lado máis humano da actividade pesqueira.

Comparte