Nova: O Womex arranca en Santiago cun concerto degustación das músicas ibéricas

18/10/2016

O Womex arranca en Santiago cun concerto degustación das músicas ibéricas

Talabarte e Cuarteto Caramuxo actúan xunto Carmen París, Kepa Junquera e María Arnal & Marcel Bagés no Iberians-Music Tapas Menu

Santiago de Compostela, 18 de outubro.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, acudirá esta tarde ao Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, para saudar o equipo artístico e técnico que está a preparar o concerto inaugural de Womex. Os grupos galegos Cuarteto Caramuxo e Talabarte compartirán escenario coa aragonesa Carmen París, o vasco Kepa Junquera e os cataláns María Arnal & Marcel Bagés neste ‘Opening Concert’ co que arrancará mañá na capital galega o meirande mercado internacional da ‘world music’.

O músico e produtor Pedro Pascual encárgase da dirección artística deste espectáculo, promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a través do que se recibirá os delegados internacionais de Womex cunha mostra da potencia musical galega, en diálogo con outros sons da Península Ibérica.

Baixo o título ‘Iberians-Music Tapas Menu’ buscarase crear tamén un ambiente festivo e de celebración, co que se agasallará aos asistentes a esta multitudinaria feira na súa primeira noite en Santiago. Colaboran tamén nesta recepción o Concello de Santiago, a Deputación Provincial da Coruña, o Goberno Vasco e o Goberno de España a través da marca ‘Sounds from Spain’.

Máis representación galega

Cuarteto Caramuxo e Talabarte son os dous primeiros representantes galegos na carteleira de concertos de Womex 2016, dentro da que Radio Cos actuará o sábado na praza da Quintana como parte da selección oficial, mentres que Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Narf mailo grupo mozambicano Timbila Muzimba tocarán no Teatro Principal dentro do programa Atlantic Connections o venres e sábado, respectivamente.

A industria musical galega contará, ademais, cun espazo destacado no recinto feiral do Museo Centro Gaiás, onde a Agadic compartirá o seu stand GalicianTunes con tres asociacións profesionais e vinte empresas e artistas. 

Comparte