Nova: As bibliotecas celebran o mes da ciencia en galego con conferencias, obradoiros e exposicións
27/10/2016
As bibliotecas celebran o mes da ciencia en galego con conferencias, obradoiros e exposicións
As actividades organízanse nas bibliotecas centrais territoriais e nas bibliotecas escolares, coa colaboración de Cultura e do labor dos equipos de dinamización da lingua galega
Isabel Aguirre, arquitecta especialista na recuperación paisaxística, é este ano a autora do texto no que se enmarca a celebración
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2016.- Co gallo do mes da ciencia en galego, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia promove en novembro unha completa programación de actividades dirixida á posta en valor das bibliotecas e mais do seu papel impulsor da creación e da divulgación científicas na lingua propia de Galicia.
Conferencias a cargo de recoñecidos científicos e científicas, obradoiros para experimentar, mostras bibliográficas, proxeccións audiovisuais, guías de lectura, teatro de divulgación científica e exposicións centran as propostas dunha celebración na que conflúen tanto as bibliotecas públicas centrais territoriais, como as bibliotecas escolares e tamén o labor levado a cabo nos centros educativos polos equipos de dinamización da lingua galega.
O conxunto desta programación “pon o foco na idea de divulgar dunha maneira amena e comprensible o coñecemento científico, pensando na necesidade de que este chegue ao conxunto da sociedade”. Así o asegurou esta mañá –durante a rolda de prensa de presentación das actividades, na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal–, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen incidiu na importancia de “vincular a produción de coñecemento científico coa súa divulgación na nosa lingua, coa intención de contribuír a outorgarlle ao noso idioma o estatus de lingua de ciencia, de innovación e de progreso”.
Divulgación do coñecemento entre a cidadanía
Segundo explicou o secretario xeral, as bibliotecas de xestión autonómica coordinadas polo departamento de Cultura, a través da Subdirección Xeral de Bibliotecas, propoñen ao longo de todo o mes un conxunto de actividades dirixidas a diferentes públicos. Haberá conferencias divulgativas impartidas por recoñecidos científicos, como Ángel Carracedo, que falará na Ánxel Casal de Santiago de Compostela e mais na Biblioteca Pública de Lugo sobre temas vinculados co seu campo de investigación en medicina xenómica; ou a especialista en oceanografía Victoria Besada, que falará sobre a contaminación do mar, na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel.
Outra destacada científica, a arquitecta especialista na recuperación paisaxística Isabel Aguirre, participa este ano na celebración como autora do texto-marco do mes da ciencia en galego nas bibliotecas, ao que Anxo Lorenzo se referiu como “un texto inspirador no que nos reclama locais para sermos globais, no que nos abre a perspectiva da ciencia a todo o conxunto dos saberes e, polo tanto, no que nos fai co-responsables desde os distintos ámbitos de interese polo coñecemento da construción do noso mundo”.
Isabel Aguirre explicou as súas reflexións para enmarcar a celebración durante a rolda de prensa, na que tamén participaron a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal, e a directora da Ánxel Casal, Carina Fernández.
Obradoiros para experimentar e contacontos
Propostas teatrais de divulgación científica, obradoiros para experimentar, contacontos para pequenos e numerosas exposicións nos espazos das bibliotecas son outras das propostas coas que a Biblioteca de Galicia, as bibliotecas públicas de Lugo e de Ourense, a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, a Biblioteca da Coruña Miguel González Garcés, a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola e mais a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel buscan facilitar a chegada aos libros científicos e á información dos distintos ámbitos do coñecemento.
As actividades, algunhas delas con inscrición previa, poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, a través da web cultura.gal, que dispón tamén dunha app para descarga en dispositivos móbiles.
A ciencia en galego, protagonista nos centros de ensino
O interese por visualizar os fondos da biblioteca relacionados coa ciencia é tamén o enfoque das actuacións promovidas desde o departamento de Bibliotecas Escolares da consellería, dependente da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos. Baixo o marco de diversas campañas nos últimos anos –a de 2016-2017 preséntase baixo o lema ‘Biblioteca escolar. Territorio das artes’– véñense realizando numerosas actividades, propostas de traballo de investigación e, en definitiva, lecturas sobre temas científicos, que promoveron estas disciplinas e a súa presenza nas escolas e, polo tanto, potenciaron as lecturas e a investigación sobre a ciencia.
Tamén desde os centros educativos, os equipos de dinamización da lingua galega veñen promovendo todo tipo de actividades para estimular a lectura e apoiar a aprendizaxe e mais a divulgación científica en galego, como obradoiros, exposicións, álbums ilustrados, audiovisuais etc. Algunhas das propostas poden consultarse no Portugal da Lingua Galega, a través da ligazón http://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/conmemoracions/ciencia-en-galego
Colaboración de entidades científicas de referencia
Para o desenvolvemento de boa parte destas programacións o secretario xeral de Cultura recordou a colaboración dalgunhas entidades de referencia no campo científico, desde o CSIC, ao Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago; ou o Instituto de Investigacións Mariñas, de Vigo, ademais doutras entidades centradas na divulgación, como a Federación Ecoloxista Galega”.