Nova: Diversos actos recordan a Valle-Inclán no día do seu 150º aniversario
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
28/10/2016
Diversos actos recordan a Valle-Inclán no día do seu 150º aniversario
O conselleiro de Cultura participou nos actos celebrados en Santiago para conmemorar o nacemento do escritor
Román Rodríguez salienta a Valle-Inclán como un dos grandes autores de todos os tempos
Santiago, 28 de outubro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, participou hoxe nos actos conmemorativos do 150 aniversario do nacemento de Ramón María del Valle-Inclán celebrados na Alameda de Santiago de Compostela, onde afirmou que “quizais o mellor xeito de honrar a Valle-Inclán sexa, precisamente, léndoo, gozando da súa literatura.”
Durante a súa intervención, o titular do departamento autonómico de Cultura sinalou o autor como unha figura clave da literatura do século XX e un dos grandes escritores de todos os tempos, cuxo legado forma xa parte do herdo da cultura mundial. Na súa alocución o conselleiro salientou o carácter curioso e observador do autor e o seu amor pola paisaxe compostelá. Non en balde, lembrou como Valle se referira á Catedral de Santiago como "unha verdadeira expresión do mundo enteiro" e á capital de Galicia como unha cidade co "carácter da eternidade".
Unha xornada de homenaxes ao escritor
Con motivo do día do seu nacemento e no marco deste 150 aniversario, as homenaxes a Valle-Inclán sucederanse ao longo da xornada en diversos concellos de Galicia. A Consellería de Cultura e Educación, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participará ás 11:00 horas nos actos conmemorativos organizados polo IES Valle-Inclán de Pontevedra, que inclúe unha conferencia sobre o autor a cargo do director da Real Academia Española. Ás 13:00 horas, a Xunta de Galicia sumarase á ofrenda floral ao escritor en Vilanova de Arousa, na praza do Castro, e, pola tarde, participará na inauguración da exposición ‘Valle-Inclán, xenio e figura (1866-1936)’, que terá lugar ás 19:00 horas no pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela.
Programación conmemorativa
Ademais deste acompañamento institucional, a Consellería promove ao longo deste ano e do 2017 un amplo abano de iniciativas literarias, representacións escénicas, ciclos de cine, exposicións, actuacións multiartísticas, charlas e obradoiros, entre outros, con motivo do 150 aniversario do nacemento do dramaturgo, novelista, poeta e ensaísta.
Trátase dunha completa programación colectiva impulsada pola Xunta en colaboración coas principais entidades e organismos vinculados dalgún xeito á figura deste dramaturgo universal, como é o caso dos concellos da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa, a Asociación Amigos de Valle-Inclán, a Fundación que leva o seu nome, a Universidade de Santiago a través da Cátedra Valle-Inclán, o Consello da Cultura Galega, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e a Deputación de Pontevedra.