Nova: Novas actuacións para a conservación da muralla de Lugo, que elevan a 2,7 millóns de euros o investido

31/07/2014

Novas actuacións para a conservación da muralla de Lugo, que elevan a 2,7 millóns de euros o investido

Redactado e supervisado xa o proxecto para a restauración do adarve e lenzos do ámbito da Porta Miñá

Ademais está previsto realizar a consolidación estrutura e restauración do lenzo interior do cubo VI

  • Muralla de Lugo Muralla de Lugo

Lugo, 31 de xullo de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou esta mañá en Lugo que o seu departamento ten previsto novas actuación que elevarán o investimento do seu departamento desde 2009 sobre este Ben de Interese Cultural a máis de 2,7 millóns de euros, “fronte ao 1,6 millóns que investira nel o Goberno anterior”. “Isto – sinalou- deixa patente o compromiso da Xunta coa conservación e recuperación dos valores históricos e patrimoniais que agocha este Patrimonio da Humanidade, que é ademais un dos símbolos máis representativos, por suposto da cidade, e de toda Galicia”. Na súa visita a Lugo o conselleiro estivo acompañado pola delegada da Xunta na provincia, Raquel Arias; e mais pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua.

Segundo explicou Xesús Vázquez, a Consellería ten previsto publicar – unha vez xa se elaborou o proxecto - neste mesmo mes de agosto a tramitación da licitación das obras de restauración do adarve e lenzos no ámbito da Porta Miñá, traballos que incluirán a substitución do pavimento e reparación do sistema de impermeabilización nas zonas dos cubos XXI e XXII, a limpeza e acondicionamento de paramentos na Porta Miñá, así como a consolidación da súa torre dereita e a recuperación do arco superior e do forxado de madeira do mesmo. O orzamento será de máis de 264.000 euros.

Así mesmo está previsto solicitar da convocatoria do 1,5% cultural do Ministerio o orzamento necesario para realizar a consolidación estrutural e restauración do lenzo interior do cubo VI da Muralla, cun orzamento estimado de máis de 180.000 euros. Neste caso desenvolveríanse traballos que permitan mellorar a evacuación da auga no cubo e que o reforcen, tales como a colocación de lámina de caucho butilo que garanta a pendente de desaugue, o a execución cun novo muro de cachotería e dun novo recheo para o cubo.

Durante a súa visita o conselleiro estivo acompañado polo alcalde de Lugo, José López Orozco; pola delegada da Xunta na provincia, Raquel Arias; e pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua, entre outras autoridades.

Ascensor e Plan de Mantemento
Por outra banda o conselleiro anunciou que esta semana comezará a supervisión do proxecto de execución da construción dun ascensor para acceder ao adarve da Muralla. “Nas vindeiras semanas enviaremos ao Concello o proxecto de execución da construción dun ascensor de acceso ao adarve, para a tramitación da licenza municipal e o convenio. O orzamento desta actuación ascende a máis de 106.000 euros. O ascensor disporase no Carril dos Romanos, na parte traseira do edificio da Deputación, e as obras terán un prazo de aproximadamente 9 meses, unha vez comecen. Desta forma, damos resposta a unha demanda histórica en prol da accesibilidade a este monumento, algo que xa mellorou en boa medida coa nova rampla que construímos no contorno da Casa Torre”.

Xesús Vázquez lembrou ademais que continúa a executarse o Plan de Mantemento da Muralla, ao abeiro do que se realizan habitualmente traballos de reposición de cachotería nos lenzos da mesma, conservación do pavimento e impermeabilización do adarve, retirada de vexetación e tratamentos fitosanitarios, e as reparacións na instalación eléctrica e luminarias que sexan necesarias.

Actuacións rematadas
A maiores da execución anual do Plan de Mantemento, o departamento de Cultura da Xunta ten realizado diversas melloras na Muralla de Lugo. Así, realizáronse traballos para a conservación e restauración dos xacementos arqueolóxicos do Vicerreitorado de Lugo e para a súa musealización coa creación da Domus do Mitreo. Da mesma forma, desenvolvéronse diferentes traballos de limpeza e retirada de vexetación previos á posta en marcha no 2011 no Plan de Mantemento.

No referente ás actuacións realizadas sobre os cubos, a Consellería ten realizado traballos de impermeabilización na escaleira do cubo LXXVII, grazas ás que se puido descubrir unha inscrición romana da época da construción da Muralla; así como a consolidación estrutural e restauración do lenzo interior do cubo XXXVIII; melloras nas escaleiras dos cubos XXVII e XXVIII; restauración do cubo XIII; e a construción dunha nova rampla no contorno da Casa Torre coa que xa se mellorou en boa medida a accesibilidade a este ben histórico.

Ademais, a Consellería colocou unha nova rede de luminarias no adarve da Muralla, unha iluminación que basea o seus deseño nos principios básicos de compatibilidade cos valores culturais do monumento e as súas características formais e construtivas, aproveitamento máximo dos elementos e instalacións previas, redución do custe de implantación, funcionamento e mantemento, lonxevidade, dispoñibilidade no mercado de materiais e repostos, e sinxeleza construtiva e formal.

Comparte