Nova: Compañías Convenientes propón na capital de Galicia un achegamento creativo á figura de Cela

02/11/2016

Compañías Convenientes propón na capital de Galicia un achegamento creativo á figura de Cela

Os artistas Román Corbato, Elena Fernández Prada, Mery Pais, Amaya González Reyes, Chelo Matesanz, Carme Nogueira, Jorge Perianes, Laura Piñeiro, David Catá, Edu Valiña, Jesús Madriñán e Paulova interaccionan co legado da Fundación Pública Camilo José Cela para ofrecer a súa visión sobre o escritor

A mostra poderá visitarse na sede de Afundación de Santiago de Compostela ata o 15 de xaneiro de 2017 e enmárcase nas actividades promovidas pola Xunta de Galicia para conmemorar o centenario do nacemento do premio Nobel galego

  • A exposición ‘Compañías Convenientes’ propón na capital de Galicia un achegamento creativo á figura de Cela A exposición ‘Compañías Convenientes’ propón na capital de Galicia un achegamento creativo á figura de Cela

Santiago, 2 de novembro de 2016.- A figura de Camilo José Cela interacciona coa arte contemporánea a través de 12 destacados artistas do panorama actual na exposición ‘Compañías convenientes. Diálogos contemporáneos co home poliedro’, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia con motivo do centenario do premio Nobel galego que poderá visitarse ata o próximo 15 de xaneiro de 2017 na sede de Afundación en Santiago de Compostela.

As pezas creadas para a ocasión por Román Corbato, Elena Fernández Prada, Mery Pais, Amaya González Reyes, Chelo Matesanz, Carme Nogueira, Jorge Perianes, Laura Piñeiro, David Catá, Edu Valiña, Jesús Madriñán e Paulova interaccionan con algunhas obras, obxectos e elementos vinculados co valioso legado da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, que inclúe coleccións de pintura, gravado e ilustracións, unha completa biblioteca, un destacado epistolario, o compendio dos manuscritos orixinais de Cela e diversas coleccións nacidas do espírito curioso do escritor.

A sede da Fundación Cela, en Padrón –onde se exhibiu a mostra entre o pasado 20 de maio e o 25 de setembro– foi o lugar desde o que arrancou este proxecto comisariado por Paula Cabaleiro e en cuxo título conflúen o título dunha publicación que recolle unha selección de artigos de Cela, ‘Las compañías convenientes’, e mais o espírito da súa cita na que asegura que “o individuo non é xamais un plano senón un poliedro”.

Un diálogo artístico co escritor

Unha instalación de metal, madeira e documentación gráfica para recrear o vagabundear do escritor pola paisaxe da Alcarria; unha colaxe de acuarela a partir do filme de ‘La colmena’ de Mario Camus; un retrato do escritor para integrar a pintura na gran colección de caricaturas de Cela que se custodia na fundación; unha fotografía baseada na analoxía do estudio do artista e do seu proceso creativo, e a mesa de despacho de Cela; e unha instalación audiovisual que convida o espectador a realizar unha viaxe en taxi para rememorar a súa contorna máis próxima son algunhas das obras que conforman o proxecto expositivo ‘Compañías convenientes’.

Mesa redonda e visita guiada

Co gallo da exposición haberá ademais unha mesa redonda, ‘Arte, humanismo e literatura en Camilo José Cela’, con Xosé Carlos Caneiro, Luís Pousa, Alfredo Conde e Ricardo Díaz-Casteleiro Romero para abordar a figura de Cela desde diferentes aspectos da súa faceta creadora e persoal. Será o día 10 de novembro, xoves, ás 19.30 h. Unha hora antes haberá unha visita guiada á exposición.

Programación conmemorativa

Para conmemorar os 100 anos do nacemento de Camilo José Cela, a Xunta de Galicia vén desenvolvendo toda unha programación de actividades con distintas vertentes divulgativas sobre a vida e a obra do escritor, entre as que destaca a exposición ‘CJC 2016. O centenario dun Nobel’, que, logo do seu paso pola Biblioteca Nacional de Españao, se poderá ver no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.

Mostras como ‘Compañías convenientes’, charlas, edicións conmemorativas, proxectos de dixitalización, certames literarios etc. conforman unha programación conmemorativa na que participan numerosas administracións e entidades, como son o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do Goberno de España, a Biblioteca Nacional de España, o Consello da Cultura Galega, a Consejería de Educación de Madrid, as deputacións da Coruña e de Guadalaxara, Acción Cultural Española, o Concello de Padrón, a Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, El Corte Inglés e as universidades de Vigo, Camilo José Cela, Internacional Menéndez Pelayo e de Ciencias Empresariais e Sociais de Buenos Aires.

Comparte