Nova: Homenaxe a Valle-Inclán no derradeiro Nexos de 2016

17/11/2016

Homenaxe a Valle-Inclán no derradeiro Nexos de 2016

A Cidade da Cultura celebra os 150 anos do nacemento do escritor cun relatorio a cargo da catedrática italiana Dianella Gambini

A sesión complétase co concerto de Saúl Puga e Pablo Seoane que leva por título ‘Fake’, composición orixinal inspirada en La Lámpara Maravillosa de Valle, que cumpre agora cen anos

 

Santiago de Compostela, 17de novembro 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebrará os 150 anos do nacemento de Valle-Inclán nunha última sesión de ‘Nexos’, o ciclo de cultura contemporánea da Cidade da Cultura, que terá lugar o vindeiro 17 de decembro na Biblioteca e Arquivo de Galicia.

Este último ‘Nexos’ do ano terá como convidada especial a Dianella Gambini, catedrática de Lingua Española e Traducción na Università per Stranieri de Perugia (Italia) e unha grande especialista na obra de Valle-Inclán. A través do seu relatorio, os espectadores farán unha viaxe pola obra do noso máis grande dramaturgo, un cronista da época que foi incorporando na súa obra os horrores do cambio de século e a miseria da vida cotiá, deformados pola lente do grotesto e a comedia negra.

Ao longo desta sesión percorrerase a súa traxectoria estética, da etapa modernista ao esperpento, transitando por algúns dos personaxes máis destacados da súa produción.

A sesión completarase coa actuación de Saúl Puga (contrabaixo) e Pablo Seoane (piano), que porán en escena ‘Fake’, unha composición orixinal de Pablo Seoane inspirada en ‘La Lámpara Maravillosa’, ensaio de Valle-Inclán de cuxa publicación se cumpren os 100 anos neste 2016.

Sesión infantil
Como en todos os ‘Nexos’, os máis pequenos –rapaces de 5 a 12 anos- terán a súa particular sesión, na que se achegarán á figura de Valle-Inclán a través das súas obras, personaxes e vivencias.

E como do que se trata é de ofrecer un aperitivo cultural os sábados pola mañá, servirase un petisco cortesía de Pan do Mar e un viño Martín Códax para despedir o ano e brindar polo Nexos do 2017.

Comparte