Nova: Manuel Rivas, Érica Esmorís e Kristina Sabaite representan a cultura galega na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara

26/11/2016

Manuel Rivas, Érica Esmorís e Kristina Sabaite representan a cultura galega na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara

A Xunta promove novas oportunidades comerciais para o libro e os autores galegos actuais na cita profesional do sector editorial máis importante de Iberoamérica

Desde o sábado 26 ata o 4 de decembro a cultura galega estará presente na trixésima edición desta feira, cun stand da Consellería de Cultura e Educación e un programa de actos profesionais e para público xeral
 

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove desde esta fin de semana a proxección exterior da cultura galega e novas oportunidades para o sector literario na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, o evento editorial profesional máis relevante de Iberoamérica, que se desenvolve na cidade mexicana ata o vindeiro 4 de decembro.

A Xunta de Galicia dispón, para esa promoción do sector editorial galego, dun stand con espazos habilitados para as reunións comerciais e para a información permanente dos visitantes. Manuel Rivas, Érica Esmorís e Kristina Sabate son os autores que participan este ano na programación promovida pola Consellería de Cultura e Educación na feira, co fin de dar a coñecer a creatividade galega do ámbito literario no espazo internacional.

Diferentes títulos das editoriais Kalandraka, Galaxia, Xerais, NovaGalicia Edicións, Urco Editora, Bolanda, Bululu, McSport e Sushi Books están presentes do stand da Xunta de Galicia neste evento, ademais das publicacións da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración.

Talleres e conferencias para arrancar a programación

Esta fin de semana, no que a feira abre as portas ao público xeral, a Xunta de Galicia iniciará a súa programación cun taller para nenos a cargo de Kristina Sabaite no stand institucional, no que a ilustradora galega explicará como inspirarse no cotián para a creación de personaxes.

O luns, xa no comezo das xornadas reservadas aos profesionais, Manuel Rivas e Érica Esmoris serán os protagonistas. Esmorís impartirá o obradoiro “Un sentimento, un conto” no stand da Xunta de Galicia, mentres que o escritor e xornalista Manuel Rivas impartirá no Salón 4 a conferencia “O pracer da lectura”. O autor de obras como “O lápis do carpinteiro” e “O último día de Terranova” levará a cabo tamén o martes 29 unha lectura poética, “Escribir sen permiso. Novela refuxio, poesía insurxente”. 

A programación da Xunta de Galicia na feira continuará aínda o mércores e o xoves, con charlas dos catro autores galegos presentes na feira, que tamén participarán en diferentes actos fóra do recinto feiral en colaboración con outras entidades e institucións.

A FIL de Guadalaxara

Fundada hai máis de trinta anos pola Universidade de Guadalaxara, a feira mexicana é hoxe a reunión profesional editorial máis importante de América Latina, cun espazo tamén para o público. A súa programación esténdese desde esta fin de semana ata o 4 de decembro e prevese que preto de 2.000 editoriais, máis de 20.000 profesionais e ao redor de 300 axentes literarios estean presentes nese espazo de 34.000 metros cadrados. Durante os nove días de feira pasarán polas instalacións algunhas figuras da literatura como Vargas Llosa, María Negroni, Nélida Piñón, Norman Manea ou Edmundo Paz Soldán, entre outros 650 escritores de 44 países distintos.

O sector editorial galego nas feiras internacionais

A Consellería, a través da Secretaría Xeral de Cultura, vén apoiando a promoción exterior do sector editorial galego nos principais eventos internacionais vinculados co libro. Este ano, Galicia participou cun stand propio nas feiras de Boloña, de Frankfurt e, singularmente nesta edición, na de Buenos Aires, onde Santiago de Compostela foi a cidade convidada
 

Comparte