Nova: O Festival de Riós acollerá a estrea do tráiler de 'A Esmorga'
01/08/2014
O Festival de Riós acollerá a estrea do tráiler de 'A Esmorga'
Os días 13 e 14 de agosto celebrarase o certame, que contará con Carlos Sobera e Carme Avendaño para bautizar dous novos castiñeiros na sección `Ruta do Talento´
Ourense, 1 de agosto de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do Festival das Artes Escénicas de Riós 2014, que se celebrará o 13 e 14 de agosto na vila ourensá e que organiza a Asociación Cultural da Castaña. Esta edición acollerá a estrea de diferentes traballos de produción audiovisual galegos, entre os que se atopa a do tráiler de A Esmorga.
Segundo Jacobo Sutil esta iniciativa “é especialmente salientable por saír adiante de maneira exitosa nestes tempos de crise, ademais de por promover a nosa cultura desde a base ao traballar con talentos galegos; facendo asimesmo de bandeira dunha localidade rural ourensán como é Riós”. Sutil Nesta recoñeceu que, para os talentos en potencia, este encontro supón unha “oportunidade para amosarlle á xente as súas creacións e mesmo para establecer entre si colaboracións”.
O titular da Agadic felicitou tanto á organización do festival como ao Concello de Riós e ás entidades colaboradoras, entre as que se atopa a propia Consellería. Tamén recoñeceu o labor do alcalde de Riós, salientando que “é unha garantía de que a nova edición vai ser un traballo ben feito”. Por último, deulle as grazas aos patrocinadores por constituír unha peza clave á hora de facer posible o festival.
No acto de presentación, que se celebrou no Centro Sociocultural Marcos Valcárcel, tamén participaron o coordinador cultural da Deputación de ourense, César Fernández Gil; o alcalde de Riós, Francisco Armando Veiga; o homenaxeado coa Castaña de Cristal deste ano, Antón Durán Morris; e o actor e director do festival, Rubén Riós.
Amplo programa cultural
Para inaugurar a programación contarase con diversas proxeccións audiovisuais entre as que estarán a estrea da segunda temporada de Clases de lo Social e a do programa No mellor da Vida con Pepe Capelán. As curtametraxes tamén terán cabida no certame, con Amistad, de Alejandro Marzoa, e O coidador de gatos, de Fernando Cortizo. No apartado de cine para persoas con discapacidade inclúese a emisión de Todos Podemos Facer Cine con Estíbaliz Veiga. A primeira xornada do día 13 rematará cunha verbena tradicional a cargo do `Colectivo Rebulir de Ramirás´ e `Coral Cantarela´.
Na `Ruta do Talento´, sección na que os persoeiros de renome que pasen por este evento deixarán a súa pegada física bautizando un castiñeiro, serán recoñecidos este ano Carlos Sobera e Carmen Avendaño, coa presentación de Manuel Mandianes e a actuación musical de Lucía Pérez e a Banda de Gaitas de Riós.
Esta séptima edición tamén contará cunha ampla oferta dirixida ao público infantil de diferentes idades con xogos, obradoiros diversos ou contacontos.
O festival rematará coa tradicional gala, no decurso da cal se fará entrega da Castaña de Cristal e que contará coas intervencións de Pedro Brandaríz, Fran Rei, Carlos Sobera, Carlos Blanco e Oscar Ibañez. Durante o acto tamén se emitirá o tráiler de `A Esmorga´, cofinanciada a través da Axencia Galega das Industrias Culturais cun investimento de máis de 300.000 euros e dirixida por Ignacio Vilar. A produción, a cargo de `Vía láctea Films´, leva á pantalla unha das historias máis representativas da nosa literatura, a obra cumio de Eduardo Blanco Amor, moi vencellada coa cidade de Ourense. Para pechar a programación haberá un concerto de Lys Pardo, seguido da actuación de Grupo Triunfo e unha sesión do DJ Guti.