Nova: O museo da Casa da Troia reabre as súas portas en verán

01/08/2014

O museo da Casa da Troia reabre as súas portas en verán

Recrea o ambiente estudiantil da pensión de finais do século XIX

  • Casa da Troia Casa da Troia

Santiago, 1 de agosto de 2014.- O Museo da Casa da Troia reabre as súas portas durante o verán coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitou esta tarde o museo compostelán, que recrea o ambiente estudantil da pensión de finais do século XIX que inmortalizou o escritor Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya, publicada en 1915.

O vicepresidente terceiro do padroado da Casa da Troia, Benigno Amor, xunto co vicepresidente e co vogal da Asociación de Antigos Tunos Composteláns, Norberto Proupín e Manuel Fraga, respectivamente, acompañaron o secretario xeral de Cultura na súa visita ao museo, situado na rúa da Troia, que permanecerá aberto ao público ata o vindeiro mes de setembro co apoio da Consellería de Cultura e Educación.

A planta baixa do museo era a antiga zona de paso tanto das persoas como dos cabalos que baixaban ás cortes. No primeiro andar atópase o antigo salón-comedor, que noutrora foi lugar de ensaio da tuna compostelán, e mais unha pequena sala que se empregaba nas visitas dos familiares dos estudantes. No segundo andar están un dormitorio colectivo e outro individual, que ocupa na novela o seu protagonista, Gerardo Roquer.

A cociña está situada no ático e o soto está dedicado ás tunas universitarias. A casa está ambientada con mobles da época, a maioría adquiridos polo fundador do museo, Benigno Amor Rodríguez, e nela consérvanse fotografías, cadros e obxectos diversos que pertenceron a algunhas das persoas que inspiraron os personaxes que aparecen na novela de Pérez Lugín.

Horario de visitas
O horario de visitas ao museo, que reabriu as súas portas o pasado 22 de xullo, é os martes de 12 a 14 horas e de 16 a 20 horas, os mércores, xoves e sábados de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas, os venres de 11 a 14 horas e de 16 a 22 horas, os domingos de 12 a 14 horas e os festivos de 11 a 14 horas.

 

Comparte