Nova: Melisa Calero, Dirty Socks e The Versionettes, as novas propostas de 'Atardecer no Gaiás'

05/08/2014

Melisa Calero, Dirty Socks e The Versionettes, as novas propostas de 'Atardecer no Gaiás'

Na praza exterior da Cidade da Cultura soará flamenco contemporáneo, psicodelia britpop e pop-rock

 

  • Versionettes Versionettes
  • Melisa Melisa
  • Cartel Dirty Socks Cartel Dirty Socks

Santiago, 4 de agosto de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lanza tres novas propostas para o Atardecer no Gaiás desta semana: o flamenco contemporáneo de Melisa Calero e José Torres, a psicodelia de Dirty Socks e as mellores interpretacións con The Versionettes.

O ciclo co que a Cidade da Cultura anima as tardes do verán comezará esta semana o xoves ás 21 horas co flamenco contemporáneo da bailaora Melisa Calero e a guitarra de José Torres. Ambos os dous subirán ao escenario para ofrecerlle ao público ‘Delicatessen’, unha colección das máis selectas creacións, revisando o flamenco clásico. Un traballo valente que mantén ao espectador enganchado pola súa emoción, atrevemento e pola súa liberdade creativa.

Ao día seguinte, o venres 8 de agosto, os protagonistas serán as novas xeracións da man de Dirty Socks, banda compostelá formada por novísimos músicos que levarán ata a praza central do Gaiás a súa psicodelia e enerxía a través dos temas do seu primeiro disco: Abandoned Warehouse. Con dous EP’s ás súas costas e máis de 500.000 visitas en myspace, Dirty Socks ofrecerán os seus sons frescos e potentes, demostrando que están entre as xoves promesas do país.

A semana péchase o sábado 9 de agosto coa actuación do grupo coruñés The Versionettes, que rememorarán os grandes éxitos do pop/rock -desde Tom Petty a Coldplay pasando polos Rolling Stones, Bowie, AC/DC, Dylan, U2, Radiohead, The Killers, Pink Floyd ou Queen- pero sempre cun toque moi persoal.

Servizo especial de bus urbano
Todos os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ teñen lugar na praza central da Cidade da Cultura a partir das 21:00 horas e a entrada é de balde. Cunha duración entre 60 e 90 minutos, os asistentes a ‘Atardecer no Gaiás’ poden baixar ata o centro de Santiago ao finalizar os concertos grazas a un servizo especial do autobús urbano C11: os xoves e venres sae do Gaiás ás 22:45 e os sábados e festivos ás 22:50.

Comparte