Nova: Cultura ofrece apoio técnico para declarar BIC o parque do Pasatempo en Betanzos

03/03/2017

Cultura ofrece apoio técnico para declarar BIC o parque do Pasatempo en Betanzos

Este espazo didáctico sería o cuarto BIC de Galicia coa categoría de “Xardín histórico”

A directora xeral do Patrimonio mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde da localidade sobre este ben cuxo mantemento e xestión lle corresponde ao seu propietario que, neste caso, é o Concello de Betanzos

 

  • Imaxe de arquivo do parque de Betanzos no web do Concello de Betanzos
  • Imaxe arquivo de Turismo.gal
  • Imaxe de arquivo de Turismo.gal
  • Imaxe de arquivo de Turismo.gal

Santiago, 3 de marzo de 2017.- A directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, mantivo unha reunión de traballo co alcalde de Betanzos, Ramón García, para abordar a situación do parque do Pasatempo e a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).

Tendo en conta a singularidade deste espazo emblemático, a Consellería ofrecerá todo o apoio técnico necesario para favorecer e facilitar a súa declaración como BIC. A directora xeral do Patrimonio Cultural comprometeuse co mandatario local a revisar toda a documentación, e trasladoulle que a Consellería de Cultura porá a disposición do Concello todo o apoio técnico necesario para a declaración deste parque como BIC, así como para revisar cómo está orientado o anteproxecto de rehabilitación deste espazo singular cuxo mantemento e xestión correspóndelle por lei ao propietario do ben que, neste caso, é o Concello de Betanzos.

A declaración BIC do parque do Pasatempo encaixa na categoría de “Xardín histórico”, polo que se convertería no cuarto espazo baixo este recoñecemento, que a día de hoxe en Galicia ostentan o Xardín da Vila de Padrón, o Parque do Pazo de Quiñones de León en Castrelos e o Pazo da Pastora (tamén coñecido como Santo Tomé de Freixeiro), ambos os dous en Vigo.

O parque do Pasatempo, construído por iniciativa de Juan García Naveira entre finais do século XIX e principios do XX, foi concibido coma un parque temático que lle brindaba á sociedade da época a posibilidade de coñecer outros países e culturas a través dun espazo perfectamente deseñado cun fin didáctico, e nunha contorna periférica pero próxima ao conxunto histórico de Betanzos.

A súa singularidade -que o fai sobranceiro- reside en que é o único xardín didáctico destas características en Galicia e practicamente en España, e que destaca tanto pola propia extensión do espazo, polos materiais utilizados e polas formas empregadas nas esculturas, traballos ornamentais e as naturezas recreadas. Ademais leva implícito un valor inmaterial tamén excepcional relacionada coa acción filantrópica exercida polos irmáns García Naveira para os seus concidadáns naquel momento e que hoxe forma parte da memoria da vila de Betanzos con outros múltiples exemplos aínda vivos.

Comparte