Nova: Axudas de 210.000 euros a 16 festivais galegos de música
08/08/2014
Axudas de 210.000 euros a 16 festivais galegos de música
Duplícase o número de beneficiarios e increméntase un 16,6 por cento o orzamento, con respecto ao 2013
As diferentes contías van dos 29.132 euros adxudicados ao Resurrection Fest de Viveiro aos 4.461 euros do Arteficial de Ribadavia
Santiago, 8 de agosto de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de facer pública a relación dos 16 festivais galegos de música de carácter profesional que resultaron beneficiarios das subvencións convocadas en 2014 para este tipo de eventos por un importe total de 210.000 euros, un 16,6 por cento máis que en 2013. Este incremento na dotación reflíctese, así mesmo, no número de iniciativas apoiadas, que se duplica respecto ao ano pasado.
Co reforzo desta liña de axudas, Cultura e Educación busca contribuír á consolidación do mapa galego de festivais, considerados estratéxicos para o desenvolvemento das industrias culturais na nosa Comunidade. As contías adxudicadas, resultantes da aplicación dos criterios e baremos establecidos nas bases da convocatoria, oscilan entre os 29.132,56 euros que percibirá o Resurrection Fest de Viveiro e os 4.461,51 outorgados ao Arteficial de Ribadavia.
Clasificación por provincias
Nunha clasificación por provincias, seis destes eventos teñen lugar na de Pontevedra: Portamérica Rías Baixas en Nigrán (25.446,50 euros), Festival do Norte na Illa de Arousa (15.588,32 euros), SonRías Baixas en Bueu (12.162,30 euros), Sinsal na Illa de San Simón (12.043,97 euros), Revenidas de Vilaxoán en Vilagarcía de Arousa (9.958,65 euros) e Cantos na Maré en Pontevedra (8.231,91 euros).
A provincia de Lugo conta con outros catro encontros –xunto co Resurrection Fest, o FIV de Vilalba (13.004,42 euros), o Festival de Jazz&Blues de Ribadeo (10.211,30 euros) e o Festival de Jazz de Lugo (7.159,11 euros)–, mentres que na da Coruña celébranse tres dos festivais subvencionados –Brincadeira Festival en Santiago de Compostela (18.217,54 euros), Festival da Luz en Boimorto (13.048,03 euros) e Con V de Valarés en Ponteceso (4.856,87 euros)– e na de Ourense, os tres restantes: Reperkusión (13.997,66 euros) e Derrame Rock (12.479,33 euros) na cidade das Burgas, ademais do xa mencionado Arteficial de Ribadavia.
Destes 16 festivais, que abranguen moi diferentes estilos do panorama musical actual, un total de 10 xa levaron a cabo as edicións apoiadas a través desta convocatoria. Pola súa banda, o Brincadeira estase a celebrar desde onte no Monte do Gozo de Santiago de Compostela, mentres que os cinco restantes terán lugar nas próximas semanas: o Arteficial de Ribadavia o 15 e 16 de agosto, Con V de Valarés o 16 de agosto, Revenidas de Vilaxoán do 22 ao 24 de agosto, o Festival da Luz o 13 e 14 de setembro e o Son Rías Baixas o 19 e 20 de setembro.
Resolución no web da Agadic
A resolución foi publicada hoxe no web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), organismo da Consellería de Cultura e Educación encargado da xestión destas axudas. A súa convocatoria anual mantense desde 2012 co obxectivo de articular unha canle estable de apoio aos festivais galegos de música que permita optimizar os recursos públicos para este tipo de eventos e impulsar a súa maior profesionalización.
A convocatoria deste ano, publicada conxuntamente coa dirixida a festivais de artes escénicas, abriuse a encontros desenvolvidos en Galicia entre o 1 de novembro de 2013 e o 31 de outubro de 2014, e organizados tanto por empresas privadas como por colectivos asociativos ou administracións locais. Para a súa valoración debían cumprir, ademais, os mínimos esixidos nas bases en canto á súa antigüidade (cando menos dúas edicións anteriores), contratación artística (40 por cento do orzamento subvencionable), programación (seis grupos) e entradas de pago (50 por cento dos concertos).