Nova: Música, maxia, banda deseñada e teatro, entre as propostas de ‘Ler conta moito’ para esta semana

10/08/2014

Música, maxia, banda deseñada e teatro, entre as propostas de ‘Ler conta moito’ para esta semana

Desde marzo e ata o vindeiro mes de outubro levará á Rede de Bibliotecas de Galicia preto de 800 eventos para achegarlle á cidadanía, especialmente ao público infantil e xuvenil, o libro e a lectura

 

  • Ler conta moito Ler conta moito

Santiago, 10 de agosto de 2014.- O programa Ler conta moito da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa o seu percorrido polas bibliotecas das catro provincias galegas e chega a próxima semana aos concellos da Coruña, de Cambados, de Valga, de Bande e de Verín. Faino con diversas actividades para dinamizar a lectura entre grandes e pequenos, que inclúen propostas teatrais, obradoiros arredor da banda deseñada, da fotografía, das artes plásticas e do audiovisual,

O luns, día 11 de agosto, ás 11 horas, o municipio pontevedrés de Cambados acollerá o a actividade ‘O lapis máxico’, un obradoiro creativo de propostas escénicas a cargo de Teatro Buratini no que mozos e nenos a partir de 6 anos poderán descubrir os segredos dunha representación teatral. Ese mesmo día e á mesma hora, o concello pontevedrés de Valga será o escenario de ‘Bibliotecas animadas’, un obradoiro no que rapaces e nenos e nenas de entre 6 e 12 terán ocasión de darlle renda solta á súa creatividade a través do cinema, da fotografía, da literatura e das artes plásticas, mediante técnicas como stop motion para a creación de imaxes en movemento.

Banda deseñada e música
A próxima parada do programa será na biblioteca Castrillón da Coruña, que acollerá o 12 de agosto, ás 12 horas, un obradoiro de banda deseñada dirixido a adultos, a mozos e mozas e mais a nenos e nenas de entre 7 e 15 anos. Santy Gutiérrez será o encargado de guiar esta xornada lúdica na que os participantes realizarán o seu propio cómic.

Ese mesmo día, ás 20 horas, Ler conta moito levará ao concello ourensán de Bande ‘Merenda con pan de millo’. O proceso de elaboración do pan de millo é o fío condutor desta proposta na que Migallas Teatro, a partir do libro-disco ‘Pan de millo’, editado pola Editorial Kalandraka, lles achegará o libro e a lectura aos nenos e nenas de entre 4 e 12.

Tecnoloxía e maxia
A maxia tamén será outra das protagonistas da semana de Ler conta moito coa actividade ‘Tecnomaxia’, que se realizará na biblioteca ourensá de Bande o mércores día 13 ás 20 horas. O mago Richard ofrecerá unha sesión dirixida á mocidade e na que se mesturan o ilusionismo co pragmatismo ciéntifico, mediante aparellos tecnolóxicos e ferramentas de uso cotián e con efectos máxicos baseados en fenómenos físicos e tecnolóxicos.

O obradoiro ‘Imaxinando minchapas con Pichük’ ofreceralles aos nenos e nenas de entre 6 a 10 anos a ocasión de aprender e practicar a creación de personaxes e mundos imaxinarios a través do debuxo e das palabras. Manel Cráneo será o encargado de impartir, o xoves 14 de agosto, ás 11 horas na biblioteca Ágora da Coruña, esta actividade, na que os nenos e nenas fabricarán chapas coas súas propias creacións.

O programa de dinamización da lectura Ler conta moito rematará a semana na localidade ourensá de Verín, onde se realizará, o venres 15 de agosto, ás 18 horas, a actividade ‘A orixe’, dirixida a nenos e nenas a partir de 5 anos. Nela, unha exploradora compartirá as lendas e contos que foi escoitando durante as súas expedicións polo mundo, axudada de pequenos tesouros recollidos nestas viaxes.

O blog de ‘Ler conta moito’
A axenda con todas as actividades de ‘Ler conta moito’ pode consultarse na páxina web rbgalicia.xunta.es. Ademais, o programa dispón dun blog no que as bibliotecas recollen e comentan os eventos realizados para fomentar a lectura entre a cidadanía, accesible en http://blogs.xunta.es/lercontamoito/.

Preto de 800 actividades nas catro provincias
En 2013, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad puxo en marcha este novo programa de dinamización da lectura. A segunda edición do programa, que botou a andar o pasado mes de marzo realizará ata o vindeiro mes de outubro un total de 773 sesións a través da Rede de Bibliotecas de Galicia, para lles achegar os libros a grandes e pequenos.

Comparte