Nova: Música clásica, vangarda e indie rock completan a variada oferta de 'Atardecer no Gaiás'

11/08/2014

Música clásica, vangarda e indie rock completan a variada oferta de 'Atardecer no Gaiás'

A Orquestra de Cámara Galega, tres bandas galegas emerxentes como son Erick Feles, Dani Font Duo e Pi Graos e a coñecida cantante americana Eleanor Friedberger compoñen as citas musicais

  • Orquestra de Cámara Galega Orquestra de Cámara Galega
  • Eleanor Friedberger Eleanor Friedberger
  • Erick Feles Erick Feles

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria propón tres novas citas musicais en ‘Atardecer no Gaiás’ para gozar desta fin de semana festiva: clásica coa Orquestra de Cámara Galega, a vangarda dos gañadores do certame Xuventude Crea 2013 e o indie/rock de Eleanor Friedberger.

O xoves 14 de agosto, ‘Atardecer no Gaiás’ acollerá o último dos concertos do miniciclo ofrecido pola Orquestra de Cámara Galega neste verán. Será un ‘Atardecer barroco’, no que o público se deixará atrapar pola música do barroco, unha das máis frutíferas na creación musical. A Orquestra de Cámara Galega, dirixida por Rogelio Groba, contará coa colaboración do oboísta galego Avelino Ferreira, que actuará como solista no célebre Concerto para óboe de Marcello.

A noite da música galega
O venres, 15 de agosto, será a noite das bandas do futuro. Os tres gañadores do certame Xuventude Crea 2013 serán os encargados de poñerlle música ao ‘Atardecer no Gaiás’. A noite comezará con Erick Feles, músico e compositor venezolano asentado en Galicia debido a súa paixón pola gaita, deleitaranos coas súas fusións dos máis diversos estilos musicais: house, hip hop, dance, electro, dubstep, chill-out, folk… pero sempre levando a gaita como instrumento emblemático galego.

Tras el será a quenda de Dani Font Duo. E para rematar, Pi Graos: un conxunto que se move entre o jazz contemporáneo e o latin progresivo, que ofrecerá temas do que será o seu primeiro traballo discográfico, Savor escríbese con V, e algún que outro clásico.

Indie/rock americano
Coñecida por formar xunto co seu irmán o dúo the Fiery Furnaces, banda de rock asilvestrado e inquedo co que chegou a publicar un total de nove albumes e erixirse en grupo de culto da última década, Eleanor Friedberger chega o sábado ao Gaiás co seu segundo traballo en solitario: Personal Records, un disco extremadamente romántico ao redor do amor á música.

Servizo especial de bus urbano
Todos os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ teñen lugar na praza central da Cidade da Cultura a partir das 21:00 horas e a entrada é de balde. Cunha duración entre 60 e 90 minutos, os asistentes a ‘Atardecer no Gaiás’ poden baixar ata o centro de Santiago ao finalizar os concertos grazas a un servizo especial do autobús urbano C11: os xoves e venres sae do Gaiás ás 22,45 horas e os sábados e festivos ás 22,50 horas.

Comparte