Nova: 30 arquitectos e deseñadores galegos réndenlle no Gaiás unha homenaxe á madeira
04/04/2017
30 arquitectos e deseñadores galegos réndenlle no Gaiás unha homenaxe á madeira
A Cidade da Cultura inaugura este venres, 7 de abril, a nova exposición Da árbore á cadeira coa que explora a relación do home cos bosques e percorre o deseño do moble contemporáneo en Galicia
Ofrece pezas de Gallego Jorreto, Noguerol e Díaz, Creus e Carrasco ou Tomás Alonso que se combinan con imaxes tomadas por Vilariño ou Vari Caramés e pinturas de Castelao, Seoane, Maside ou Pamen Pereira
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2017.- Trinta dos máis importantes arquitectos e deseñadores galegos réndenlle unha homenaxe á madeira na nova mostra da Cidade da Cultura: Da árbore á cadeira, que abre as súas portas este venres, 7 de abril. A nova mostra do Gaiás explora a relación do home cos bosques e ofrece un percorrido polo deseño do moble contemporáneo galego.
‘Da árbore á cadeira’ será inaugurada este venres no Museo Centro Gaiás. A partir das 16 horas, todos os galegos están convidados a visitar esta mostra que permitirá darlle visibilidade á creatividade acadada por arquitectos e deseñadores galegos, e dirixirá a ollada dos visitantes sobre a riqueza ambiental dos bosques, así como sobre a tradición en Galicia dos oficios vinculados ás artes da madeira.
Dos pioneiros aos contemporáneos
Comisariada polo recoñecido arquitecto galego Carlos Seoane, Da árbore á cadeira propón unha viaxe emocional da materia ao produto, da madeira ao mobiliario doméstico. Así, a exposición ofrece unha viaxe polo deseño desde os pioneiros (Isaac Díaz Pardo, Alejandro e Jesús de la Sota e Xosé Bar Bóo) ata os contemporáneos, entre os que se atopan moitos dos grandes arquitectos e deseñadores galegos, como Manuel Gallego Jorreto, Irisarri e Piñera, Noguerol e Díaz, Iago Seara, Carlos Quintás, Creus e Carrasco, Tomás Alonso, Elías Cueto, Lucía Buceta ou Iñaki Leite.
Previamente, o visitante entrará en diálogo cos bosques a través da súa compoñente artística, cultural e identitaria. A ollada persoal de fotógrafos como Manuel Vilariño, Vari Caramés, José Caruncho, Juan de la Sota ou Juan Rodríguez mestúranse no primeiro andar do Museo Centro Gaiás coa visión que do bosque tiveron grandes artistas plásticos como Castelao, Seoane, Maside e figuras contemporáneas como Pamen Pereira ou Jorge Perianes. Unha vinculación home-territorio que tamén se plasma a través das árbores centenarias da finca Galega de Alfoz ou a colección de troncos de Xaquín Lorenzo, ‘Xocas’.
Da árbore á cadeira conta coa colaboración do Grupo Cándido Hermida, que fabricou en exclusiva para a mostra mobles deseñados polo comisario Carlos Seoane, Fundación Banco Sabadell e Viaqua, ademais do apoio do Clúster da Madeira e o Deseño en Galicia. E como todas as actividades culturais da Cidade da Cultura, a exposición conta co patrocinio do Fondo Gaiás da Empresa Galega.
Ata o 5 de novembro
A exposición pode visitarse desde este venres, 7 de abril, ata o 5 de novembro de martes a domingo en horario de 10 a 20 horas. Ademais, a Cidade da Cultura ofrece todos os días visitas comentadas á mostra ás 17:30 horas e os sábados, domingos e festivos tamén ás 12:30 horas. A entrada á nova exposición da Cidade da Cultura é de balde.