Nova: 270 funcións de teatro, danza, novo circo e maxia nas redes de espectáculos de Cultura

12/08/2014

270 funcións de teatro, danza, novo circo e maxia nas redes de espectáculos de Cultura

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Rede Galega de Salas e a Rede Galega de Música ao Vivo achegan as últimas propostas de 98 compañías por 38 concellos, durante este segundo semestre

Destaca a oferta para o público infantil e familiar, ao que se dirixe máis da metade das funcións 

Refórzase o investimento nestes circuítos, que este ano experimentan un incremento do 13,7 por cento de eventos respecto ao número desenvolvidos en 2013

  • A carteleira escénica da Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas e Rede Galega de Música ao Vivo para este segundo semestre do ano achega aos espectadores de 38 concellos as últimas propostas de 98 compañías A carteleira escénica da Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas e Rede Galega de Música ao Vivo para este segundo semestre do ano achega aos espectadores de 38 concellos as últimas propostas de 98 compañías

Santiago, 12 de agosto de 2014.- A nova carteleira que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove durante este semestre a través dos seus tres circuítos profesionais de espectáculos –Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) e Rede Galega de Salas (RGS)– achegará 270 funcións de teatro, danza, novo circo e maxia aos espectadores dun total de 38 concellos de toda Galicia.

As últimas propostas de 98 compañías conforman a programación dedicada ás artes escénicas que se celebrará de xullo a decembro deste ano en 46 escenarios asociados ás tres redes. Nela destaca especialmente a axenda dirixida ao público infantil e familiar que, cun total de 141 representacións, supón máis do 50 por cento desta oferta escénica.

Clasificación por provincias
Do conxunto de 270 representacións, un total de 190 celebraranse no seo da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto que Cultura e Educación xestiona a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e cofinancia coas entidades públicas das que dependen os diferentes escenarios asociados. Así, a súa carteleira para este segundo semestre de 2014 estase a desenvolver en 33 teatros e auditorios de 31 localidades galegas, 14 delas na provincia da Coruña (A Coruña, Ames, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Carballo, Cedeira, Cee, Muros, Narón, Oleiros, Ortigueira e Santiago de Compostela), cinco na de Lugo (Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo e Viveiro), catro na de Ourense (A Rúa, O Barco, O Carballiño e Ourense) e oito na de Pontevedra (A Estrada, Cambados, Gondomar, Lalín, Pontevedra, Redondela, Tui e Vigo).

Con 18 anos de traxectoria, a RGTA mantén a súa aposta polo teatro galego e en galego para todos os públicos, que neste caso concentra máis do 80 por cento das funcións contratadas. Entre elas, sobresaen polo seu volume de representacións as propostas para público infantil ‘A casa do avó’, de Tanxarina Títeres, e ‘Xango. A moi extraordinaria historia do home que foi engulido por unha máquina’, de Talía Teatro, mailos espectáculos para público adulto ‘Diálogo do can e o seu amo sobre a necesidade de morderlle aos amigos’, de Teatro do Morcego, e ‘A idade da pavía’, de Sarabela Teatro.

Novas incorporacións na Rede Galega de Salas
Tamén o teatro infantil ten un grande peso na actividade da Rede Galega de Salas para este segundo semestre de 2014, con 40 actuacións dun total de 68, que abranguen así mesmo teatro para público adulto, danza, novo circo e maxia. A Consellería de Cultura e Educación, a través da Agadic, financia integramente as contratacións ao abeiro deste circuíto, a través do que busca favorecer a estabilidade das salas privadas de exhibición escénica. Coas novas incorporacións da Sala Gurugú da Coruña e Ingrávida do Porriño, son un total de cinco os espazos integrados na RGS, da que tamén forman parte Teatro do Andamio na Coruña, Fundación SGAE en Santiago e Teatro Ensalle en Vigo.

Pola súa banda e aínda que o groso da súa programación é musical, na Rede Galega de Música ao Vivo tamén teñen cabida os espectáculos de artes escénicas. Así, entre xullo e decembro, oito das súas salas (Garufa Club da Coruña, Pub d’Antón da Laracha, Café Cultural Roi Xordo de Allariz, Marrucho de Baiona, A Reserva de Carballo, Sala Super8 de Ferrol, Var con V de Moaña e A Fundación de Melide) acollerán un total de 12 funcións de maxia e teatro, monólogos na súa meirande parte.

Aumento na contratación anual
Con esta carteleira semestral, na que se insiren así mesmo 139 concertos de música, elévase a 798 a cifra de citas culturais que os tres circuítos acollerán en 2014, cun incremento do 13,7 por cento respecto do total de 623 funcións organizadas en 2013 e maila incorporación de nove novos locais tras a resolución da convocatoria pública para a ampliación das redes de música ao vivo e de salas.

Este impulso reflíctese igualmente no orzamento destinado este ano para financiar as tres redes, que suman un investimento de 1.358.717,17 euros. A Consellería de Cultura e Educación contribúe a esta cifra global con 732.360,15 euros (un 22,61 por cento máis que en 2013), mentres que a contía restante é asumida en diferentes porcentaxes polas entidades públicas e privadas asociadas.

A súa programación pode ser consultada a través da sección de axenda do web da Agadic (http://www.agadic.info/Axenda), cun buscador de espectáculos por data da función, localidade, espazo, compañía/grupo e tipoloxía. Tamén está dispoñible como parte da Axenda Cultural de Galicia do web de Cultura da Xunta de Galicia (http://cultura.xunta.es).

Comparte