Nova: Fados en galego para esta ponte festiva

14/08/2014

Fados en galego para esta ponte festiva

O concerto de FalaRedes 'Os sons do vento que pasa' estará en Malpica de Bergantiños, Toén e Parada de Sil 
 

  • Os sons do vento que pasa Os sons do vento que pasa
  • Os sons do vento que pasa Os sons do vento que pasa

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reforzará nesta ponte festiva a oferta de lecer en galego de tres concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia co concerto de fados “Os sons do vento que pasa”, incluído na programación do FalaRedes 2014.

Tras o éxito colleitado onte na vila coruñesa de Miño, o espectáculo protagonizado por Gonçalo Guerreiro e Dani Pais fará parada mañá localidade coruñesa de Malpica de Bergantiños (ás 22,30 horas na Praza Anselmo Villar Amigo); o sábado na ourensá de Toén (ás 21,00 horas na Praza de Moreiras); e o domingo en Parada de Sil (ás 20,30 horas na Praza do Concello).

Dirixido ao público xeral, co concerto “Os sons do vento que pasa”, o espectador mergulla a través da lingua propia de Galicia na música tradicional portuguesa, nun universo rítmico e melódico que viaxa do divertimento á nostalxia, do rock á canción de amor, do pop á música tradicional, sen deixar nunca de ser fado. Gonçalo Guerreiro pon a voz neste coidado espectáculo no que os acompañamentos musicais corren a cargo de Dani Pais.

Logo das paradas desta ponte, a orixinal proposta da compañía Elefante Elegante continuará coa súa itinerancia polos concellos da Rede, facendo parada proximamente en Cabana de Bergantiños, Vilalba, O Incio, A Baña e Maside.

FalaRedes 2014
Ata finais de ano, FalaRedes chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL a través de cinco actividades con 150 sesións coas que reforzará a súa oferta de ocio na nosa lingua.

Completan a programación desta terceira edición do programa as propostas infantís-familiares As fabas máxicas e Os Bolechas e o Sabichón, que en setembro retomarán a súa itinerancia pola Rede de Dinamización Lingüística, mais o concerto infantil Toc Toc e a xincana Augalingua, que xa concluíron con grande éxito as súas respectivas xiras.

Toda a información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.

 

Comparte