Nova: Partida de 145.00 euros para apoiar e promover o talento audiovisual galego

14/08/2014

Partida de 145.00 euros para apoiar e promover o talento audiovisual galego

Estas axudas increméntanse un 120% respecto ás de 2013 co obxecto de asumir a subvención a longametraxes noveis, xunto coas de guións e curtas

Impulsarase a escrita e a produción de 13 proxectos en galego, co obxectivo de estimular a incorporación de novos creadores á nosa industria audiovisual e de fomentar o emprego das novas tecnoloxías

  • Axudas a promover o talento audiovisual galego Axudas a promover o talento audiovisual galego

Santiago, 14 de agosto de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina un total de 145.000 euros á súa nova convocatoria de subvencións para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, que este ano incorpora unha modalidade dirixida á realización de longametraxes de directores noveis. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases destas axudas, que manteñen ademais as categorías para escrita individual de guións e para a produción de curtametraxes, xa contempladas na convocatoria de 2013.

A inclusión nesta liña de apoio á nova creación audiovisual dun apartado específico para primeiras ou segundas longametraxes dos seus realizadores implica un incremento do 120 por cento no seu orzamento total respecto dos 66.000 euros adxudicados en 2013. A dotación da actual convocatoria dirixirase a impulsar a escrita e a produción de 13 proxectos en versión orixinal galega: un total de 25.000 euros para cinco guións, 30.000 euros para cinco curtametraxes e 90.000 euros (distribuídos entre as anualidades de 2014 e 2015) para tres longametraxes.

Inseridas no plan xeral de apoio ao audiovisual galego que Cultura e Educación desenvolve anualmente a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), estas axudas ao talento buscan favorecer a incorporación de novos creadores á industria audiovisual galega, así como fomentar o emprego das novas tecnoloxías neste ámbito. Trátase da penúltima das cinco convocatorias deste programa de subvencións para 2014, dotado con 2,53 millóns de euros e no marco do cal onte se publicou a dirixida a producións e coproducións audiovisuais por un importe total de dous millóns de euros.

Tipos de proxectos
Poderán optar á modalidade de longametraxes de dirección novel tanto empresas produtoras como directores constituídos como empresa individual que presenten proxectos de longametraxes cinematográficas, cunha duración superior a 30 minutos e en versión orixinal galega. Ao abeiro deste categoría, subvencionaranse tres propostas cunha contía de 30.000 euros para cada unha delas.

Pola súa banda, o apartado de curtametraxes diríxese a apoiar novos creadores audiovisuais para a realización de filmes en versión orixinal galega cunha duración inferior a 30 minutos. A convocatoria establece neste punto cinco adxudicacións de 6.000 euros.

Proxectos experimentais
Tanto no caso das curtas como no das longametraxes, darase prioridade aos proxectos experimentais, de decidido contido artístico e cultural, que propoñan unha ruptura cos códigos narrativos convencionais, que supoñan unha indagación subxectiva radical ou un achegamento a temáticas pouco exploradas desde o audiovisual e que aposten, ademais, polo proceso de rodaxe como método para atopar unha historia, para crear un universo propio ou para captar unha experiencia reveladora imposible de acadar desde un punto de vista literario ou teatral.

En canto á modalidade de escrita individual de guións en galego, subvencionaranse proxectos de obras orixinais ou de adaptación de textos literarios para longametraxes de ficción e de animación. Dentro desta categoría, concederanse 5.000 euros a cada unha das cinco propostas seleccionadas.

Valoración
Unha comisión de expertos independentes será a encargada de avaliar as solicitudes de acordo co baremo que especifican as bases. Neste proceso, puntuaranse aspectos que teñen que ver coa creatividade, a contribución á diversidade temática do panorama audiovisual galego, a novidade no tratamento narrativo ou outros elementos diferenciais, así como as achegas culturais no contexto galego e a súa viabilidade. Ademais, nas propostas de longametraxes tamén se valorará a porcentaxe de fondos propios no orzamento de produción, mentres que tanto para as curtametraxes como para os guións se terá en conta o currículo do solicitante.

As solicitudes poden presentarse desde maña e ata o 15 de setembro, preferiblemente por vía electrónica a través do portal https://sede.xunta.es. De xeito alternativo, tamén se poden achegar en soporte papel por calquera dos medios que se especifican nas bases e utilizando o modelo oficial que se pode descargar tanto desde a sede electrónica da Xunta de Galicia como desde a páxina web da Agadic.

Comparte