Nova: O escultor Chirino reencontra unha das súas primeiras grandes obras no Gaiás

14/08/2014

O escultor Chirino reencontra unha das súas primeiras grandes obras no Gaiás

O artista canario visitou a exposición ‘Auga Doce’ na Cidade da Cultura, onde se exhibe El Carro II de 1957, préstamo do Museo Reina Sofía

Eloxiou a calidade da mostra do Museo Centro Gaiás e manifestou a súa ledicia por atoparse cunha obra que levaba cincuenta anos sen contemplar
 

  • Martín Chirino na súa visita ao Gaiás Martín Chirino na súa visita ao Gaiás

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2014.- O Museo Centro Gaiás, da Cidade da Cultura, recibiu onte a visita dun dos grandes artistas que participan na exposición ‘Auga Doce’: Martín Chirino, unha das grandes referencias da escultura española e europea do século XX. O artista manifestou a súa ledicia por reencontrarse cunha obra da sua primeira etapa e que, segundo relatou, levaba cincuenta anos sen contemplar: El Carro II de 1957.

A escultura de Chirino pertence a colección do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e foi un préstamo para a exposición ‘Auga Doce’, unha mostra que reúne setecentas obras en torno a presenza da auga no historia da arte. Chirino visitou a exposición acompañado pola súa filla Marta Chirino, ilustradora botánica, da que tamén se exhiben debuxos seus.

Chirino eloxiou a calidade da exposición, e expresou a súa admiración polos traballo de escultores galegos, como Francisco Leiro, Manolo Paz, Elena Colmeiro ou Acisclo Manzano, entre outros moitos.

Nacido en Las Palmas en 1925, Chirino é un dos grandes escultores do último século. Membro do grupo El Paso, xunto a Antonio Saura, Manolo Millares e Rafael Canogar, o seu extraordinario talento abriulle as portas dalgúns dos principais museos e galerías do mundo e fixoo merecedor de prestixiosas distincións como o Premio Internacional de Escultura da Bienal de Budapest, o Premio Nacional de Artes Plásticas ou a Medalla de Ouro do Círculo de Belas Artes.

A exposición ‘Auga Doce’ permanecerá aberta ata o domingo 14 de setembro, todos os días menos os luns, en horario de 11 a 20 horas da tarde. Organízanse visitas guiadas de balde todos os días ás 12.30 e ás 18.30.

 

Comparte