Nova: As redes de espectáculos da Agadic ofrecen 139 concertos en 27 localidades

15/08/2014

As redes de espectáculos da Agadic ofrecen 139 concertos en 27 localidades

Durante o segundo semestre do ano, esta carteleira musical concéntrase en 41 espazos da Rede Galega de Música ao Vivo e da Rede Galega de Teatros e Auditorios, onde actúan 44 grupos e solistas

Estes dous circuítos e maila Rede Galega de Salas suman durante 2014 un total de 798 funcións de teatro, música, danza, maxia e novo circo, incrementando a súa actividade nun 13,7 por cento respecto a 2013

  • Caxade Caxade
  • Miki Nervio Miki Nervio

Santiago, 15 de agosto de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria impulsa a celebración de 139 concertos en 41 salas e auditorios de toda Galicia como parte da programación que organiza durante este segundo semestre do ano en dous dos seus circuítos profesionais de distribución de espectáculos: Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) e Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA).

Un total de 44 grupos e solistas forman parte destas carteleiras, que se despregan de xullo a decembro en 27 localidades. Nelas teñen cabida tanto artistas consagrados como emerxentes, en moi diferentes estilos que van desde o rock ao folk, pasando polo jazz, o blues, a fusión ou a canción de autor, entre outros.

RGMV
Destas actuacións, 128 teñen lugar no seo da Rede Galega de Música ao Vivo, onde a música feita en Galicia constitúe a oferta predominante, aínda que tamén hai lugar para os espectáculos teatrais e de maxia en pequeno formato. A Consellería de Cultura e Educación xestiona este circuíto de salas de música en directo a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), achegando o 85% dos cachés dos grupos e artistas contratados.

A súa programación musical durante este período esténdese a 32 salas de 22 localidades galegas: A Coruña (BâBâ Bar, Jazz Filloa e Garufa Club), A Laracha (Pub D'Antón), Allariz (Roi Xordo), Baiona (Marrucho), Bueu (Aturuxo), Caldas de Reis (Zona Zero), Cangas (SalaSon), Carballo (A Reserva), Culleredo (Fórum Celticum), Ferrol (Sala Super 8), Laxe (A Ventana), Lugo (Clavicémbalo), Marín (Sala Ache), Melide (A Fundación e Pub Gatos), Moaña (Var con Uve), O Barco de Valdeorras (Sala Baranda), O Grove (Náutico), Ourense (Auriense), Pontevedra (Sala Karma), Santiago de Compostela (Borriquita de Belém, Casa das Crechas, Moon, Ultramarinos e Capitol), Vigo (Contrabajo, La Casa de Arriba, La Fábrica de Chocolate e La Iguana) e Vilagarcía de Arousa (Sama Sama Bianco).

Nelas tocarán un total de 34 bandas e solistas de todos os estilos: Aldaolado, Aló Django, Big Lis and Her Rodmen, Carlos Childe & The Rhythm Slaves, Caxade, Cromática Pistona, Felipe Villar Trío, Fracasados de Antemano, Full, García MC, Álvaro Muras, Por Placer, Igloo, IGMIG, Lucía Martínez Cuarteto, Maryland, Max Gómez, Miki Nervio and the Bluesmakers, Novedades Carminha, Orquestra Os Modernos, Pablo Castaño, Pablo Seoane Trío, Paracetamol, Paul Álvarez Trío, Presumido, Radio Pesquera, Raiba, Sés, Silvia Penide, Sinestesia, Som do Galpom, Talabarte, Trasnochando e Zënzar & 12 Labirinto.

RGTA
En canto á Rede Galega de Teatros e Auditorios e aínda que a súa oferta é maioritariamente teatral, a programación para este segundo semestre de 2014 conta con 10 destacados nomes do panorama musical galego para 11 concertos en nove espazos: Budiño, Luar na Lubre e Marcos Mella Trío no Pazo da Cultura de Narón, Leilía no Auditorio Municipal de Vigo, María do Ceo no Auditorio Municipal do Carballiño, Pablo Díaz & Tic Tac no Pazo da Cultura de Carballo, Roi Casal no Auditorio de Vilagarcía, Rosa Cedrón no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, Tempo Catro Sexteto no Salón Teatro de Lalín e Xoan Curiel na Casa da Cultura Ramón Martínez López de Boiro e no Auditorio Municipal de Ourense.

Neste caso, a programación está cofinanciada entre a Agadic e as entidades municipais xestoras dos espazos nunhas porcentaxes que oscilan entre o 40 e o 70 por cento en función do número de habitantes do municipio e do tipo e número de actuacións contratadas.

Un total de 798 citas culturais en 2014
A estas carteleiras musicais engádense, así mesmo, as 270 funcións de teatro, danza, maxia e novo circo que se celebran de xullo a decembro tanto nestes dous circuítos como na Rede Galega de Salas, de xeito que as súas programacións suman 798 citas culturais durante todo o ano, un 13,7 por cento máis que en 2013.

Este reforzo reflíctese igualmente no orzamento destinado este ano a financiar estas tres redes profesionais de distribución de espectáculos, cun investimento total de 1.358.717,17 euros en 2014. A Consellería de Cultura e Educación contribúe a esta cifra global con 732.360,15 euros (un 22,61 por cento máis que en 2013), mentres que a contía restante é asumida polas entidades públicas e privadas asociadas.

A programación completa pode consultarse na sección de axenda do web da Agadic (http://www.agadic.info/Axenda), cun buscador por data, localidade, espazo, compañía/grupo e tipoloxía. Tamén está dispoñible como parte da Axenda Cultural de Galicia do web de Cultura da Xunta (http://cultura.xunta.es).

Comparte