Nova: Concerto de Los Punsetes en Atardecer no Gaiás

19/08/2014

Concerto de Los Punsetes en Atardecer no Gaiás

O ciclo remata a vindeira semana con tres citas imprescindibles: a cantautora María Rodés, o bluesman compostelán Adrián Costa e os ingleses Toy

 

  • Los Punsetes son cinco, viven en Madrid e aman a Eduard Punset- interpretarán algúns dos seus xa clásicos temas nos que trasladan historias mundanas que todos entendemos e nos tocan de preto, pasados polo seu irónico prisma e caleidoscópica visión composta de pesimismo, cinismo e entomoloxía. Los Punsetes son cinco, viven en Madrid e aman a Eduard Punset- interpretarán algúns dos seus xa clásicos temas nos que trasladan historias mundanas que todos entendemos e nos tocan de preto, pasados polo seu irónico prisma e caleidoscópica visión composta de pesimismo, cinismo e entomoloxía.

Santiago, 19 de agosto de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anuncia para este xoves ás 21 horas o concerto de Los Punsetes, un dos pratos fortes da edición 2014 de Atardecer no Gaiás, ciclo que celebra xa a súa cuarta edición e que se consolida como unha das referencias musicais do verán en Galicia. Desde o seu arranque en xullo foron 3.429 persoas as que gozaron da música dalgunha das vinte actuacións que se teñen celebrado na Cidade da Cultura ata agora, xusto cando Atardecer no Gaiás entra na súa recta final co concerto de Los Punsetes este xoves e con tres actuacións estelares a próxima semana: María Rodés, Adrián Costa e Toy.

Los Punsetes –son cinco, viven en Madrid e aman a Eduard Punset- interpretarán algúns dos seus xa clásicos temas nos que trasladan historias mundanas que todos entendemos e nos tocan de preto, pasados polo seu irónico prisma e caleidoscópica visión composta de pesimismo, cinismo e entomoloxía.

Esta semana será o único concerto de ‘Atardecer no Gaiás’ debido á montaxe e celebración do festival ‘Cidade Imaxinaria’, que o 23 de agosto inundará a praza central de 11 a 21 horas cunha vintena de espectáculos e xogos relacionados co mundo do circo e a fantasía.

Festa de despedida o sábado 30
‘Atardecer no Gaiás’ despídese xa a vindeira semana con tres citas imprescindibles. O xoves, 28 de agosto, será a catalá María Rodés a encargada de protagonizar un concerto diferente: copla sen desgarro, sen sufrimento nin dor.

O venres 29 será Adrián Costa, bluesman compostelán coñecido por ser o cantante e guitarrista de Los Reyes del KO, quen ofreza unha actuación en solitario na que só estará acompañado polo seu ‘maquineto’, un vello sampler que lle permite repetir as gravacións que se fai a si mesmo, para animar á xente ao baile.

A festa de despedida terá lugar o sábado 30 de agosto e estará a cargo dunha das bandas do momento: os británicos Toy. Apadriñados por The Horrors e tras xirar polos festivais más importantes de Europa e EEUU, Toy despregará todo o seu indie/rock psicodélico na fin de festa deste ciclo. E ao acabar o concerto, a festa seguirá na Cantina do Gaiás, con máis música e ganas de pasalo ben.

Servizo especial de bus urbano
Todos os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ teñen lugar na praza central da Cidade da Cultura a partir das 21,00 horas e a entrada é de balde. Cunha duración entre 60 e 90 minutos, os asistentes a ‘Atardecer no Gaiás’ poden baixar ata o centro de Santiago ao finalizar os concertos grazas a un servizo especial do autobús urbano C11: os xoves e venres sae do Gaiás ás 22,45 e os sábados e festivos ás 22,50.

Comparte