Nova: Os fados en galego de 'Os sons do vento que pasa' chegan a Cabana de Bergantiños

21/08/2014

Os fados en galego de 'Os sons do vento que pasa' chegan a Cabana de Bergantiños

O concerto terá lugar no Centro de Interpretación do Dolmen de Dombate

  • A localidade coruñesa de Cabana de Bergantiños acollerá hoxe o concerto de fados “Os sons do vento que pasa” A localidade coruñesa de Cabana de Bergantiños acollerá hoxe o concerto de fados “Os sons do vento que pasa”
  • A localidade coruñesa de Cabana de Bergantiños acollerá hoxe o concerto de fados “Os sons do vento que pasa” A localidade coruñesa de Cabana de Bergantiños acollerá hoxe o concerto de fados “Os sons do vento que pasa”

Santiago, 21 de agosto de 2014.- A localidade coruñesa de Cabana de Bergantiños acollerá hoxe o concerto de fados 'Os sons do vento que pasa', incluído no FalaRedes 2014, o programa de fomento do galego promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A cita será ás 21,30 horas no Centro de Interpretación do Dolmen de Dombate, onde Gonçalo Guerreiro interpretará un orixinal repertorio de fados aderezados con pop e rock que Dani Pais enriquecerá coa súa participación dixital e musical.

Así, as cantigas tradicionais dos Sons do vento que pasa conservan o seu encanto orixinal, pero ao estar acompañadas de guitarra eléctrica e de pedal de loops, así como de sedutores xogos de iluminación, gañan unha dimensión contemporánea e singular, sen deixar nunca de ser fado.

Tras a única actuación desta semana, esta exitosa proposta da compañía Elefante Elegante proseguirá a súa xira polos concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, facendo parada ata final de mes en Vilalba, O Incio, A Baña e Maside.

En setembro será a veciñanza de Baiona, Sarreaus, Vilaboa e Campo Lameiro a que poderá gozar dos fados en galego, que en outubro soarán nos concellos de Curtis, Bóveda, Noia, Lousame, Outes e Oleiros. No mes de novembro, esta actividade de FalaRedes aínda chegará a Verín, Foz e Cuntis, pechando en decembro a súa xira pola RDL na localidade coruñesa de Arzúa.

FalaRedes 2014
Ata finais de ano, FalaRedes chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da Rede a través de cinco actividades con 150 sesións coas que reforzará a súa oferta de ocio na nosa lingua.

Completan a programación desta terceira edición do programa as propostas infantís-familiares As fabas máxicas e Os Bolechas e o Sabichón, que en setembro retomarán a súa itinerancia pola Rede de Dinamización Lingüística, mais o concerto infantil Toc Toc e a xincana Augalingua, que xa concluíron con grande éxito as súas respectivas xiras.

Toda a información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.
 

Comparte