Nova: GalicianTunes difunde a música de 200 grupos e solistas galegos
22/08/2014
GalicianTunes difunde a música de 200 grupos e solistas galegos
Refórzase a plataforma coa posta en marcha de novas seccións, así como da súa páxina oficial en Facebook
O seu catálogo dá acceso a 410 vídeos musicais e a información sobre 325 discos e permanece aberto á incorporación de novas bandas, artistas, empresas e festivais galegos
Procura converterse nunha ferramenta útil cara a unha maior visibilidade social e proxección da industria musical galega baixo esta marca común
Santiago, 22 de agosto de 2014.- A través da marca GalicianTunes a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a reforzar o labor de promoción da música galega. Esta plataforma acaba de incorporar novas seccións do web www.galiciantunes.com como son as redes sociais. Este portal difunde na internet a música dos 200 grupos e solistas rexistrados ata o momento, ao tempo que mantén aberta de xeito permanente a recepción de novas solicitudes de artistas, empresas musicais e festivais galegos que desexen formar parte da plataforma.
Entre as novas accións promocionais, destaca a recente posta en marcha da súa páxina oficial en Facebook (https://www.facebook.com/galiciantunesofficial), a través da que se busca colaborar activamente na difusión de novos traballos discográficos, vídeos e outras novidades relacionadas coas bandas e intérpretes que forman parte do web. Tamén obtén un especial tratamento nesta rede social o ‘Artista/Grupo da semana’, nova sección de galiciantunes.com que cada sete días centra a súa atención nun dos grupos ou solistas que contan con ficha actualizada.
Reformulación
Este é, xunto co de festivais, un dos novos apartados incorporados ao portal da música de Galicia, que en outubro do ano pasado presentouse cun deseño renovado e unha reformulación dos seus contidos co obxectivo de ofrecerlle á industria musical galega unha ferramenta útil para lograr unha maior visibilidade social e contribuír á súa proxección tanto dentro como fóra da nosa Comunidade. Neste sentido, conta con versións en galego, español e inglés, que se activan automaticamente segundo o idioma no que estea configurado o navegador do usuario.
Coa súa posta en marcha, deuse tamén un importante paso adiante no impulso de GalicianTunes como marca que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon a disposición de asociacións, empresas e artistas do sector musical galego como etiqueta de calidade e identidade propia, así como para a súa participación conxunta en encontros, mercados e feiras internacionais.
Promoción en Womex 14
De feito, GalicianTunes será a marca principal do pavillón da música galega no recinto feiral de Womex 14, o meirande mercado internacional para as chamadas músicas do mundo, que terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia e noutros espazos de Santiago de Compostela do 22 ao 26 de outubro. Unha vintena de empresas e asociacións profesionais difundirán o seu traballo e os seus artistas a través deste gran stand, desde o que se dará a coñecer a riqueza e a creatividade da nosa música aos máis de 2.500 delegados que a feira agarda congregar na edición deste ano.
A implicación dos diferentes axentes da industria musical galega está a resultar fundamental á hora de impulsar GalicianTunes como marca común, así como no mantemento e crecemento da nova web. Neste último caso, son os propios intérpretes e empresas os que facilitan e actualizan todos os datos e o material necesarios para o funcionamento óptimo de galiciantunes.com. Grazas a esta colaboración, o portal acolle a día de hoxe 200 artistas e grupos de todos os estilos, que á súa vez reúnen referencias a 325 traballos discográficos e dan acceso á reprodución en liña de 410 vídeos musicais. Ademais da información directa sobre cada unha destas bandas e solistas (traxectoria, contacto para contratación, discografía e vídeos), as fichas redirixen ás webs promocionais, redes sociais, aplicacións de reprodución en streaming e portais de venda de música en liña que estean dispoñibles en cada caso.
O portal inclúe tamén un apartado dedicado especificamente á industria musical, que na actualidade está composto por 44 asociacións profesionais e empresas que desenvolven a súa actividade en ámbitos como o management, produción e promoción de eventos, iluminación, son, edición musical, gravación e produción discográfica, entre outros.
Proceso aberto
A plataforma de GalicianTunes na rede busca dar cabida a todos os integrantes do sector que desenvolven a súa actividade a nivel profesional en Galicia, de acordo coas súas tres categorías principais: artistas e grupos, industria musical e festivais. Neste sentido, a web permite a progresiva incorporación de novos integrantes, que poden solicitar a súa alta a través do enderezo electrónico soporte@galiciantunes.com seguindo as indicacións que se especifican no apartado ‘Queres participar?’.