Nova: Avanza a restauración da capela de San Cremenzo do Pindo

21/08/2014

Avanza a restauración da capela de San Cremenzo do Pindo

Retómase o acondicionamento deste singular ben do século XVII cunha partida de 75.000 euros
 

  • Igrexa de San Cremenzo do Pindo Igrexa de San Cremenzo do Pindo

Carnota (A Coruña), 21 de agosto de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acompañado pola directora xeral do patrimonio cultural, María del Carmen Martínez Insua, a parlamentaria do grupo popular, Marisol Piñeiro Martínez e o cura da parroquia, Juán Sendón, visitou hoxe as obras de restauración da igrexa de San Cremenzo do Pindo. A Consellería a través da nova licitación do expediente de contratación retoma os traballos de restauración pendientes de execución. O investimento é de mais de 75.000 euros e o prazo de execución cifrouse en tres meses.

Alcance dos traballos
Os principais traballos realizados no templo de San Cremenzo foron o repaso do repicado realizado previamente e a limpeza de xuntas ao igual que a execución de novos encintados nos parámetros interiores e exteriores; a apertura dun oco cegado na fachada posterior; a realización de revocos nos parámetros interiores; as reparacións puntuais de fendas e roturas nas fábricas murarias interiores e a aplicación de auga cal cunha cor similar ao existente.

Ademais estase a reparar o pavimento interior, ao tempo que se está a fabricar o coro de madeira, de acordo coas pegadas do primitivo existentes nos muros. A nova carpintería afecta á porta principal, ás ventás do coro e das escaleiras; e á ventá do oco cegado que se abrirá con esta intervención.

A capela contará tamén cunha nova instalación eléctrica, racionalizando a existente e dotándoa dunha instalación mínima de iluminación. Tamén se está a construír unha nova sancristía baixo o coro para proporcionar máis espazo para a Igrexa. Para rematar, estase a urbanizar o espazo situado fronte á igrexa, onde se inclúe nova pavimentación e mobiliario urbano.

Unha igrexa que ten as súas orixes no século XVII

Esta construción relixiosa está formada por unha planta rectangular dunha soa nave e divídese en tres treitos por dous arcos de medio punto que descansan sobre pilastras. Deste xeito, os treitos inicial e final cóbrense con bóveda de canón mentres que no central atopase unha bóveda de aresta. É dende aquí desde onde se accede á igrexa actual. Entre os elementos ornamentais cabe destacar o altar labrado en cantería polo escultor Antonio del Río en 1795.

No exterior tan só podemos apreciar a fachada principal, que primitivamente era simétrica, e atópase presidida por un campanario. O fronte desenvólvese en planta cadrada conformando unha peana dende a que crecen os catro machóns que forman o corpo das campás; remata de forma piramidal con pináculos sobre a cornixa.

O resto da fachada ten unha factura sinxela, cunha pequena xanela e unha porta con pequenas molduras. A ampliación redúcese a un corpo de planta case cadrada dividido en dous por un arco con contrafortes no exterior. Para rematar, os muros son de cachotería e de cantería en ocos e aresta, sendo a cuberta a dúas augas.

Clemente Riveiro Fernández puxo a igrexa baixo advocación de San Cremenzo e San Bernardo.
 

Comparte