Nova: Formalízase o contrato da obra de restauración dos cubos XIX e LXXX da muralla de Lugo
25/08/2017
Formalízase o contrato da obra de restauración dos cubos XIX e LXXX da muralla de Lugo
O delegado territorial José Manuel Balseiro explicou que a Consellería de Cultura está a acometer tamén unha intervención nos cubos LXX e LXXI, co que o investimento nestas dúas actuacións ascende a preto de 600.000 euros
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia, DOG, a formalización do contrato de obras de restauración dos cubos XIX e LXXX da Muralla romana de Lugo, uns traballos cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80 %), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe 6. O importe da intervención ascende a 375.264,51 euros e o prazo de execución da mesma é de sete meses.
Cómpre lembrar que a Consellería está tamén a desenvolver obras nos cubos LXX e LXXI da muralla, por importe de 217.765,66 euros, uns traballos tamén cofinanciados a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional; de tal forma que o investimento do departamento de Cultura da Xunta de Galicia nestas dúas actuacións ascende a preto de 600.000 euros.
Destas novidades deu conta nunha comparecencia pública o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen quixo poñer en valor o traballo que desenvolve o Goberno galego para a conservación deste ben, Patrimonio da Humanidade e símbolo que identifica e distingue á Cidade de Lugo e o conxunto da provincia en todo o mundo. O dirixente territorial lembrou tamén que o Goberno galego leva investidos desde 2009 máis de 4 millóns de euros en obras de conservación e mantemento da Muralla de Lugo
Actuacións no XIX e LXXX
No cubo XIX desenvolveranse tarefas de desmontaxe, reconstrución do muro de cachotería de lousa e colocación de sopena de lousa sobre o mesmo. Ademais, escavarase ata o inicio das escaleiras existentes e executarase un novo recheo no adarve do cubo, que tamén se impermeabilizará. No caso do LXXX, as intervencións previstas consisten na retirada do pavimento do adarve e na demolición das lousas de formigón e area do recheo existente previa escavación arqueolóxica do paramento do cubo ata chegar á primeira lousa. Unha vez realizado este traballo, cimentarase, realizarase o recheo e formarase unha soleira.
Na obra desenvolveranse ademais actuacións de mantemento global na Muralla durante o seu período de execución, tales como tratamento fitosanitario para a eliminación da vexetación, limpeza da pedra e retirada manual da vexetación, mantemento da instalación de iluminación do adarve, escaleiras orixinais, accesos e portas, e tarefas xerais de mantemento do monumento.Tamén se incorpora na documentación o proxecto arqueolóxico de Control e Escavación dos cubos XIX e LXXX así como o protocolo de control faunístico que deberá seguirse a nivel xeral e ao longo da execución das obras de restauración dos cubos.
Tarefas no LXX e LXXI
No que atinxe aos cubos LXX e LXXI, a intervención contempla diversas actuacións consistentes na instalación de apeos estruturais, a retirada da saburra compactada do remate superficial do pavimento, a demolición da lousas de formigón armado existentes a diferentes niveis e o baleirado de capas de areas entre as lousas por medios manuais.
Logo levaranse a cabo diversas actuacións de restauración, comezando pola escavación arqueolóxica do solo dos cubos, continuando coa execución da gabia e a zapata de cimentación para a construción dun muro e contrafortes de lousa con morteiro de cal e area.
Os traballos rematarán coa formación da soleira, a base de morteiro de cal e area, a colocación dunha lámina impermeabilizante de caucho de butilo entre xeotextís, que impida que se filtre auga, e a execución de capa protectora de morteiro de cal e area, a capa de arxila natural e a capa de remate saburra, repoñendo así o chan ao seu estado orixinal. A actuación contará con todas as cautelas arqueolóxicas e medioambientais precisas e terá un prazo de execución de seis meses.